A nova empresa galega APDTIC, da que falamos estes días en Código Cero para informar dos seus retos principais (achegar recursos para solucionar todo tipo de cuestións legais ás empresas galegas, estatais e mesmo internacionais), participou nas xornadas Acelérate celebradas este mércores na Cidade da Cultura. E fíxoo falando dos riscos de non protexermos a nosa imaxe corporativa ao abeiro das redes e salientando, en termos máis concretos, que máis da metade das nosas empresas do sector TIC non teñen aínda rexistrada a súa marca. Os datos foron achegados por André Castelo, director executivo da nova firma, emprazada en Santiago. As xornadas foron organizadas conxuntamente con Visanvis.
Castelo engadiu na súa intervención que “o erro de non salvagardar a nosa identidade como empresas”, malia non ser obrigatorio rexistrar unha marca comercial, é máis común do que pode parecer. En caso de non facelo, dixo, outros, incluso a nosa competencia, “poderán usar a nosa marca e nós non poderemos impedirllo”. Tamén é posible que a rexistren antes ca nós e non deixarnos marxe para seguir empregándoa, engadiu. Segundo fixo saber o CEO de APDTIC, os devanditos riscos son “importantes” e, sobre todo, “innecesarios”, dado que o proceso de rexistro dunha marca “ten un custo ínfimo, comparado co de perder esa imaxe corporativa”.
Outro eido temático de interese que abordou Castelo no seu relatorio foi o da protección de datos persoais nas páxinas web. “Non se trata”, dixo, “de copiar e pegar un texto doutro sitio semellante para pór o pertinente aviso legal, política de privacidade ou de cookies, senón de cumprir unha normativa que, entre outras cousas, obríganos a ter ficheiros debidamente inscritos na Axencia Española de Protección de Datos, e a informar o usuario sobre os seus usos e darlle posibilidade de cancelar os mesmos”. Segundo fixo saber o relator, se isto non se realiza “debidamente”, a empresa pode ser sancionada con multas de ata 300.000 euros, nos casos máis graves.
Castelo tamén fixo referencia a outros aspectos legais sobre os que asesora APDTIC, como é a protección do deseño e desenvolvemento de ideas.
Nas xornadas, interviñeron, por parte de Visanvis, o fotógrafo e deseñador visual Xaime Cortizo, quen falou sobre O poder das imaxes, aprende a comunicar visualmente; e a economista Diana Pardo e a xornalista e deseñadora gráfica María Parqués, quen disertaron sobre Marca persoal vs Currículo. As xornadas, dirixidas a emprendedores, contaron igualmente co respaldo de Galicia Open Future, na Cidade da Cultura.
APDTIC advirte en Santiago dos riscos de non protexermos a nosa imaxe corporativa
Compartir Este Artigo

