A empresa galega EGATEL vén de anunciar a súa presenza na edición 2016 do salón NAB (NAB Show) que xunta os vindeiros días en Las Vegas (do 16 ao 21 de abril) o máis avanzado e innovador da industria das novas tecnoloxías e os servizos de radiodifusión. A firma de Ourense, emprazada na Tecnópole, estará na feira norteamericana (na que recunca logo da súa participación nela o ano pasado por estas mesmas datas) presentando as súas novas series de transmisores de TV e gap-fillers de baixa potencia. Falamos das familias TUWH1000, que salientan entre outras cousas polo seu deseño compacto e por acadar potencias de ata 115 Wrms nunha soa unidade de rack. Con estas e outras características, sinala EGATEL, os transmisores facilitan aos operadores as tarefas de instalación, operación e mantemento.
Por certo que con estas novidades a compañía galega quere ampliar o espectro da alta eficiencia enerxética a todo o rango de potencias de RF, “aplicando a Tecnoloxía Doherty en banda larga aos transmisores e reemisores que se utilizarán nas últimas fases de cobertura dunha rede de TV”. Segundo informa José M. Mariño, director de Vendas e Mercadotecnia de EGATEL, “os transmisores ofrecen unha relación prestacións-custo inmellorable, e de feito”, engade, “ningún outro fabricante do sector asumira antes este compromiso en favor da eficiencia aplicada ao aforro de enerxía e espazo”. E apunta: “As canles de televisión precisan facilidades fronte aos custosos gastos de mantemento e buscan sistemas fiables e de calidade”.
As novas series que se van presentar no salón NAB estarán prontas para traballar en todos os estándares de TV Dixital (DVB-T/T2, ATSC, ISDB-Tb). Ademais, explican dende EGATEL, foron especialmente deseñadas para cubrir as necesidades de instalacións de baixa potencia e con limitacións de espazo. Incorporan un avanzado sistema de “precorrección dixital con capacidade de adaptación” que elimina as distorsións da etapa de potencia e un cancelador de ecos multistandard de gran potencia (no caso dos gap-fillers SFN, de altas prestacións). Ademais, salientan por integrar un sistema Web GUI que posibilita a xestión completa dos equipos en modo local ou remoto, “resultando as tarefas de supervisión e mantemento extraordinariamente sinxelas”.
Amais disto, EGATEL tamén amosará o seu Smart LNB, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. “O terminal revolucionará o mercado SatCom”, informa EGATEL, “ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións Machine to Machine (M2M): eSaúde, Casa Conectada, Smart Metering, etc”.
EGATEL presenta os seus novos transmisores de baixa potencia en NAB
Compartir Este Artigo

