Hoxe botou a andar a conferencia de desenvolvedores F8, coa que Facebook busca tender pontes cos desenvolvedores para favorecer a creación de produtos e servizos ao redor da súa plataforma en liña, e que este ano ten un grande impacto ante a emerxencia da realidade virtual, o vídeo en directo dende o móbil e incluso os novos formatos de contidos adaptados ao móbil, levando a que estivésemos ante unha cita moi esperada.
Aparte das presentacións realizadas, chamou poderosamente a atención un dato que comentou Mark Zuckerberg no escenario: entre Facebook Messenger e WhatsApp envíanse 60.000 millóns de mensaxes ao día, mentres que as mensaxes de texto tradicionais quedan en 20.000 millóns de mensaxes. Tamén destacou o feito de que o Messenger teña xa 900 millóns de usuarios, cando o ano pasado tal número estaba nos 700 millóns, polo que cada vez a ferramenta de mensaxería de Facebook goza dunha base de usuarios máis ampla que en certos mercado consegue superar sobradamente a WhatsApp.
Os anuncios máis importantes realizados hoxe serían:
– Live API: o servizo de retransmisión de vídeo en directo de Facebook abre a súa API, de xeito que os desenvolvedores poden explorar xeitos de levar interactuar en directo que sexan revolucionarios e facilitar as retransmisións de vídeo en directo que vaian máis aló do smartphone, de xeito que poderemos ver dende screencast ata cámaras autónomas (como a nova Mevo) e drons (como o impresionante DJI Phantom 4).
– Os bots para Messenger: a plataforma de mensaxería de Facebook quere facilitar a comunicación con empresas e servizos dun xeito semellante a como fariamos cos nosos amigos, para o que potenciarán a creación de bots.
– Facebook Surround 360: dende Facebook deseñaron a Surround 360, un sistema de 17 cámaras situadas nunha estrutura circular para poder rexistrar vídeo en 360 graos e, en vez de comercializar esta solución, decidiron que publicarán no verán o seu deseño para que calquera poida fabricalo.
– Profile Expression Kit: os perfís de usuario abriranse a aplicacións de terceiros, botando a andar inicialmente con Boomerang by Instagram, Lollicam, BeautyPlus, Cinemagraph Pro, Lollicam, MSQRD e Vine, o que permitirá que os nosos perfís de usuario estean máis vivos (integrando vídeo creado dende as aplicacións que se sumen a este programa).
– Account Kit: facilitan una solución que permite identificarse en novas aplicacións só con número de teléfono ou o enderezo de correo electrónico.
– Quote Sharing: un novo xeito de compartir citas que atopemos na web ou en aplicacións cos nosos amigos de Facebook.
– Botón de gardado: cando atopemos artigos de interese, produtos, vídeos e outros contidos interesantes na web poderemos gardalos nun cartafol en Facebook, para despois poder acceder aos mesmos dende calquera dispositivo.
– Rights Manager: os administradores de páxinas de Facebook poderán protexer os seus contidos de vídeo, podendo así protexer os seus dereitos de propiedade intelectual (evitando así a piratería audiovisual en Facebook).
– Artigos instantáneos para todos: A partires de hoxe, os editores que queiran integrar os seus artigos dentro da aplicación de Facebook cun formato optimizado para móbiles poden inscribirse ao programa de artigos instantáneos, que achega ferramentas analíticas e de publicidade, o que confían en que sexa unha solución atractiva para os creadores de contidos que queiran acadar un maior impacto (e fuxir dos problemas dos bloqueadores de publicidade).
Facebook amosa ante os desenvolvedores a súa confianza na mensaxería, o vídeo en directo e a realidade virtual
Compartir Este Artigo
