O mércores 20 de abril a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo vai acoller unha actividade de gran interese para os nosos investigadores do ámbito da xeoinformática, que é como se coñece a póla do coñecemento centrada (entre outras cousas) no estudo de datos xeográficos e espaciais xerados a través do emprego das novas ferramentas dixitais. A Primeira Xornada Atlantic Geospatial Day vén da man do mestrado en Xeoinformática que se imparte na actualidade na Facultade de Informática da Universidade da Coruña e na ETS de Minas da Universidade de Vigo. Participan algunhas das nosas compañías máis senlleiras neste ámbito TIC.
Segundo informa a UDC trátase dun encontro entre desenvolvedores, usuarios e empresas do sector da tecnoloxía xeoespacial de cara “ao coñecemento dos avances recentes nas diferentes vertentes do sector”. A xornada contará con charlas convidadas impartidas por representantes de Google Europa (relatorio de Ed Parsons), Deimos Space (Félix Pedrera) e Deimos Imaging (Laura Abuja); e “cunha ampla sesión de difusión” na que participarán empresas do sector coma Marine Instruments, CartoDB, Situm Technologies, Cartogaliza, e máis o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), entre outras moitas. Pódese atopar máis información e mesmo recursos para inscribirnos premendo na ligazón web do devandito mestrado de Xeoinformática organizado pola UDC e máis pola Uvigo.
Por certo que outro dos obxectivos do evento é, en palabras dos seus convocantes, “abrir o sector xeoespacial ao público en xeral, difundindo a ampla variedade de eidos de coñecemento das que consta: desde desenvolvemento de satélites e sensores para a adquisición de imaxes, pasando pola adquisición de datos xeométricos xeorreferenciados desde UAV, láser escáner terrestres, cámaras, GNSS, ata o tratamento e a xestión destes datos especiais en bases de datos, sistemas de información espacial e aplicacións web e móbiles”.
As principais empresas galegas de xeoinformática participan nunha xornada en Vigo o 20 abril
Compartir Este Artigo

