Aínda que existe unanimidade ao considerar que o negocio de hardware de BlackBerry é un rotundo fracaso e existan moitas posibilidade de que a compañía bote o peche a tal división para o ano que vén, a empresa canadense mantén o optimismo grazas á sona que ten nos servizos a empresas, xa que teñen unha traxectoria probada á hora de achegar seguridade ás comunicacións corporativas e incluso de institucións gobernamentais e militades (podemos lembrar como houbo un tempo no que ao presidente dos EE.UU. só lle permitían empregar terminais BlackBerry), pero esta situación podería mudar do día para a noite se atendemos a unha detallada reportaxe de Vice, na que aseguran que no marco dunha investigación federal facilitaron ás autoridades canadenses a chave de descifrado global dos dispositivos de BlackBerry dende 2010.
Estamos ante unha situación realmente alarmante, xa que son os informes técnicos da Real Policía Montada do Canadá (RCMP) os que detallas como interceptan e descifran preto dun millón de mensaxes entre dispositivos BlackBerry, ou sexa, que BlackBerry estaría a colaborar coas autoridades de xeito secreto, de xeito que tras unha loita xudicial na que o Goberno canadense procuraba manter esta información fóra do dominio público, agora os axentes da Coroa recoñecen que a policía federal ten acceso á chave de descifrado das comunicacións de BlackBerry, o que tería unhas consecuencias catastróficas a nivel de seguridade informática, xa que supón que as autoridades levan anos espiando as comunicacións dos cidadáns e as empresas sen que se soubese e nin sequera se coñecen as condicións baixo as que autorizan o uso desta ferramenta.
Estamos ante unha situación que pode lembrar ao recente caso de Apple co FBI, e amosaría as consecuencias que podería ter a colaboración de Apple coas autoridades, aínda que neste caso en vez dunha investigación antiterrorista estamos nun caso contra o crime organizado, na que os investigadores recorrían inicialmente ante os operadores para atopar que as comunicacións estaban cifradas, polo que forzaron a BlackBerry a colaborar facilitando un sistema de descifrado das mensaxes dos seus usuarios, o que supón un problema de ámbito global, tanto polo feito de que as chave mestra poida roubarse (e, de feito, é moi probable que aconteza tal agora que se sabe da súa existencia) como haberá gobernos e autoridades de distintos países que agora tamén requirirán a BlackBerry o mesmo nivel de colaboración que ten coa RCMP.
En calquera caso, o que parece claro é que a seguridade de BlackBerry está moi lonxe do que o público esperaba, e incluso non sobrará que diga que a compañía vén de cavar a súa propia tumba ao pórse en dúbida a súa seguridade (pese a que non se sabe ata que punto o grande burato de seguridade afecta aos usuarios de iOS e Android). Curiosamente o motivo que levou a todo este proceso (un caso contra sete presuntos criminais relacionados co asasinato de Sal Montagna, membro da familia criminal Bonanno) rematou sen ningún acusado firme tras 2 anos dun intensivo programa de vixilancia de alto nivel, polo que temos un magnífico exemplo do perigoso que é matar moscas a tiros de canón.
A Policía Montada do Canadá ten acceso á chave mestra de BlackBerry
Compartir Este Artigo
