Onte botaba a andar a cuarta edición da Technium Lan Party 2016, unha cita que se estenderá ata o domingo 17 de abril e que servirá para reunir no Pavillón de Deportes do Campus de Ourense a arredor de 330 seareir@s da informática. Os que asistan á Technium Lan Party gozarán de tempo e largo de banda abondos para xogar en rede, intercambiar arquivos e coñecementos e para desenvolver un amplo programa de actividades. “Esta será a cuarta edición da Technium Lan Party. Despois de tres anos, a súa organización, aínda que é complexa, xa está moi rodada polo que agardamos que de novo sexa un éxito”, explica Edgar Ruíz, en representación dos estudantes organizadores, a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática (ASEII).
O número de postos habilitados nesta ocasión, apunta, son os que pode asumir o recinto, e esgotáronse como en anos anteriores. Cunha idade maioritaria situada entre os 18 e os 25 anos, sinala, o público que acode a esta cita é maioritariamente galego, aínda que vén xente de cidades como Cádiz ou Alacante. “O que xa temos é un público fiel que acode edición tras edición e iso é moi satisfactorio para nós porque significa que lles gusta a Technium e repiten”, subliña Edgar Ruíz.
A xuntanza, que conta coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Vicerreitoría do Campus de Ourense, permite aos inscritos facer un uso continuado das súas instalacións, podendo ficar a durmir no Pavillón e podendo conectarse as 24 horas. Indo ao miolo das actividades, haberá torneos de League of Legends e Counter-Strike: Global Offensive, dous dos xogos máis seguidos no eido internacional, e de FIFA 2016, Super Smash Bros. Wii U e Hearthstone.
En canto a concursos, haberaos de lanzamento de CD, de programación e de creación de pezas de hama beads. Asemade, levarase a cabo unha charla de comunicación por radio que lles permitirá ás persoas interesadas achegarse ao mundo da radioafección.
A Technium Lan Party 2016 prevé acoller 330 seareiros do mundo virtual
Compartir Este Artigo

