A plataforma Blogdechollos.com, creada hai cinco anos polo emprendedor galego Juan Manuel Martínez Varela, acadou a cifra do millón de visitas mensuais. Segundo nos conta o impulsor da iniciativa dende o seu centro de actividade en Ares, estas e outras cifras converten a plataforma de raizame galega na meirande comunidade de compradores en liña na procura de aforro: unha comunidade dun millón de internautas (250.000 usuarios habituais), na súa maioría potenciais compradores de idades comprendidas entre os 30 e o 40 anos e que tiran partido de Blogdechollos.com para “localizar e mercar o mellor produto ao mellor prezo, compartir as súas valoracións e, tamén, deixar os seus comentarios para axudar aos que veñan logo, ao resto da comunidade”.
Respecto das orixes da web, todo comezou no domicilio particular do impulsor da iniciativa: unha afección en casa que logo, en poucos anos, foi quen de transformarse nunha empresa con cinco traballadores en persoal que, con periodicidade diaria, localizan, contrastan e argumentan as mellores ofertas en roupa, libros, electrónica de consumo, música, viaxes, material deportivo e outras referencias, entre as que veñen de incorporar (hai pouco) a comparativa de tarifas de telefonía.
Segundo nos conta Juan Manuel, un dos piares da plataforma é a confianza. “A comunidade confía en nós”, sinala, “somos amigos dos consumidores, e por iso o contido do noso blog é moi selectivo”. Toda esta actividade xerada no ámbito influencer conseguiu que as recomendacións xeren arestora compras por valor de 500.000 euros mensuais, cifra que, en palabras do empresario, “anima a empresas punteiras do comercio electrónico a ofrecer de maneira exclusiva descontos especiais para os usuarios de Blogdechollos; é o caso, por exemplo, dalgúns produtos do xigante Amazon”.
O creador da plataforma salienta a maiores outro piar fundamental: o dinamismo posto en xogo na web. “Cada día”, comenta, “os expertos analizan entre 100 e 150 artigos novos, dos que son incorporados só os 15 ou 20 mellores”. Segundo explica, “trátase de facilitar a información máis relevante e facelo coa maior fiabilidade; nós axudamos á xente, simplificamos o proceso”.
Tamén engade que a “funcionalidade estrela” para os lectores de Blogdechollos.com é sen dúbida a oportunidade de subscribirse á web para recibir avisos personalizados mediante Whatsapp. A isto cómpre engadir a intensa actividade xerada no Facebook e máis no Twitter. Por outra banda, os membros da rede Blogdechollos contan cunha aplicación móbil para empregar o blog optimizado desde dispositivos Android, e os desenvolvedores están a ultimar xa a versión de esta ferramenta para usuarios de iPhone, que estará dispoñible, comentan, a partir do mes de maio.
A plataforma galega Blogdechollos deixa atrás a liña do millón de visitas mensuais
Compartir Este Artigo

