A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) lanzou este venres unha convocatoria de axudas para despregar redes de 100 Mbps en polígonos industriais da nosa terra. Así se reflicte no Diario Oficial de Galicia (accesible en formato PDF) publicado hoxe, onde se dá conta dos devanditos apoios orzamentarios para incentivar o traballo dos operadores nas áreas fabrís e produtivas que aínda non conten con cobertura nin coa previsión de dar acubillo ás devanditas redes. Segundo sinala AMTEGA, trátase da primeira medida do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que desenvolve a Xunta a través da axencia.
A convocatoria, engade a entidade que dirixe Mar Pereira, establece un obxectivo total de 115 polígonos divididos en tres prioridades (alta, media e baixa), fixando unha cobertura mínima de 50 polígonos industriais. “Deste xeito”, explica AMTEGA, “garántese que como mínimo o 60% dos polígonos industriais de Galicia, nos que se concentra case o 90% da superficie empresarial ocupada, dispoñan de acceso a redes de 100 Mbps no ano 2018”.
A AMTEGA destina a esta convocatoria un orzamento máximo de 3.424.610,80 euros no período 2016-2018, e estima que o investimento total que se xerará será de máis de 5,2 millóns de euros. As subvencións que se concedan non superarán o 65% do custo total do proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Nas bases tamén se fai saber que os operadores de telecomunicación potencialmente interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. A convocatoria inclúe un anexo cos polígonos industriais que poden acollerse a subvención por ser considerados “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas .
As redes coas que se dote aos polígonos, segundo estipula a Axencia, deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de subida, “ofrecendo unha garantía de caudal do 80% e non limitar as descargas”.
Lanzada a convocatoria de axudas para habilitar redes de 100 Mbps nos nosos polígonos
Compartir Este Artigo

