Un total de 96 iniciativas empresariais innovadoras presentaron á súa candidatura para participar na terceira edición de Galicia Open Future, dándose o mes que vén a coñecer os nomes dos 50 proxectos seleccionados que accederán a este gran centro de emprendemento galego, impulsado por Telefónica en colaboración da AMTEGA e da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
As 50 iniciativas seleccionadas accederán ao programa Galicia Open Future, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, e que ten unha duración inicial de seis meses (prorrogables en períodos de 3 meses). Durante este tempo os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) concede unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados. Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial.
Os tres seleccionados recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
A III edición de Galicia Open Future recibiu 96 candidaturas
Compartir Este Artigo

