Este martes temos unha cita coas aplicacións móbiles e as súas posibilidades, tanto dende o punto de vista comunicativo como empresarial. Pasando polas súas vantaxes como elementos de participación e dinamización social. A cita será ás 16.00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. Trátase da primeira edición do encontro Conversapps, en palabras dos organizadores “un espazo de reunión entre profesionais galegos do mundo das aplicacións móbiles e a comunidade estudantil da Universidade da Coruña”. Na xuntanza, polo tanto, falarase do onte, do hoxe e (sobre todo) do mañá deste tipo de ferramentas en claro proceso de proxección e espallamento. De feito, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Apps móbiles: pasado, presente e futuro.
Contarase coa presenza e participación (contándonos as súas experiencias) de cinco profesionais referentes no ámbito das tecnoloxías móbiles: Enrique Marcote (Novasystems), Ángel Hernández (Bolboreta Labs), Sergio García (Social Drive), José Leis (Appeiros) e Daniel Fernández (Cleventy). Ademais de amosar cadanseu percorrido profesional (como conseguiron millóns de descargas ou como ven o futuro das apps cos novos dispositivos), Conversapps servirá de plataforma “de diálogo aberto entre profesionais e alumnos”.
O pasado, o presente e o futuro das aplicacións, a debate este martes na UDC
Compartir Este Artigo

