A Coordinadora Galega de ENDL organiza este martes 26 unha videoconferencia sobre robótica. Na actividade participarán arredor de dous milleiros de alumnos de 40 centros educativos da nosa terra (cursos de 5º e 6º de Primeira e 1º da ESO). Insírese no (amplo) programa de celebracións do cuarto Día da Ciencia en Galego da Coordinadora. A videoconferencia será impartida por Susana Oubiña Falcón, investigadora e profesora de Tecnoloxía no IES de Vilalonga, quen desenvolverá a charla en streaming baixo o epígrafe Arpa Leap Motion ao tempo que interactuará cos estudantes participantes a través do chat habilitado. Susana Oubiña é autora de múltiples traballos de investigación sobre gamificación, redes sociais, computación ubicua, robótica, redes e sistemas informáticos.
A Coordinadora Galega de ENDL organiza por sexto ano consecutivo este evento con motivo do Día da Ciencia en Galego, que reivindica o uso vehicular da lingua galega nas materias científico-técnica, onde, en palabras da plataforma, “o seu uso é marxinal tras a imposición do Decreto do Plurilingüismo por parte da Consellería de Educación”.
Na videoconferencia, que dará comezo ás 11:30 horas e terá unha duración dunha hora, Susana Oubiña Falcón, profesora de Tecnoloxía no IES de Vilalonga e investigadora, licenciada en Ciencias Físicas na especialidade de Electrónica pola USC e Máster en Enxeñería Telemática pola UVigo, ofrecerá una charla baixo o título Arpa Leap Motion. O reto, sinala a plataforma organizadora da actividade, consiste en conseguir deseñar, programar e facer soar unha arpa, para que o alumnado cree a súa propia música. Para acadalo, a investigadora introducirá os rapaces e rapazas na robótica utilizando o software Scratch 2.0, que conectará ao dispositivo de infravermellos Leap Motion. Como produto final, obterase un instrumento musical (arpa), que se poderá usar, segundo sinala a Coordinadora, “de maneira moi sinxela”. Ou sexa, só movendo no aire os dedos das mans.
O evento, que se vai retransmitir por YouTube, será seguido por 2000 alumnos e alumnas de 40 centros educativos de toda Galicia. Ademais de seguir en vivo a intervención da conferenciante, o alumnado poderá trasladarlle preguntas a través dun chat.
“Esta videoconferencia e mailas numerosas actividades presenciais que se desenvolveron no mes de novembro nos centros educativos, nas universidades e en diversas institucións”, explican dende a plataforma, “procura que o alumnado teña acceso á ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma, tamén o galego”.
Os colectivos convocantes (AGAPEMA, APETEGA, ENCIGA e IGACIENCIA) e as institucións e entidades que se suman cada ano a esta data reivindicativa, como a CGENDL, queren expresar deste xeito “que todos os idiomas, neste caso o galego, apréndese usándoos en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos”, explican.
A Coordinadora de ENDL e a investigadora Susana Oubiña achegan a robótica a 40 centros educativos
Compartir Este Artigo

