Aínda que 2016 está considerado como o ano da realidade virtual, a chegada desta tecnoloxía está a ser moi progresiva, xa que estamos ante produtos moi complicados de comercializar, polas poucas unidades fabricadas, os elevados prezos e o feito de que os consumidores non poden coñecer as experiencias que achegan ata que as proban en primeira persoa, pero esta semana, dentro da The Intel Experience, nos EE.UU. van ver como a realidade virtual se lles bota enriba, xa que a partires do sábado 48 tendas da cadea Best Buy contarán con postos de demostración de Oculus Rift, casco de realidade virtual que poderá mercarse nestas tendas físicas, e que a partires do día 7 tamén estará dispoñible na tenda en liña de Microsoft e en Amazon.com, mentres que a campaña de comercialización europea está prevista para o outono.
Cómpre matizar que as unidades que porán á venda en liña serán moi reducidas, xa que aínda non remataron de servirse as unidades reservadas nos últimos meses, de xeito que estamos simplemente nunha fase máis para completar o lento lanzamento dun produto que tardará en poder adquirirse con normalidade, e que terá que competir con HTC Vive e PlayStation VR, de xeito que prevese un remate do ano bastante movido nesta familia de produtos na que claramente non son sustentables varias plataformas (xa que a produción de contidos de realidade virtual é moi cara, de xeito que os creadores non poden abordar a publicación multi-plataforma con facilidade).
As tendas estadounidenses de Best Buy comezarán a vender Oculus Rift esta semana
Compartir Este Artigo
