O Centro Tecnolóxico Gradiant vai organizar este 6 de maio a xornada Hub de innovación dixital para o Sector Primario. O encontro, que se celebra na propia sede de Gradiant no Campus de Vigo, diríxese a impulsar unha “reflexión en clave galega arredor da innovación e da adopción das novas tecnoloxías por parte do tecido agroalimentario e acuícola a nivel mundial”. Un dos obxectivos claves da xornada é pór a disposición do dito sector a visión e máis a experiencia acumulada por Gradiant dende a súa privilexiada posición na presidencia do Grupo de Traballo en Agricultura Intelixente e Seguridade Alimentaria na Alianza Europea pola Innovación na Internet das Cousas (AIOTI).
Polo tanto, a intención é trasladar a devandita tendencia en auxe (os obxectos conectados, as contornas smart, tecnoloxías para facer máis rendibles e optimizadas as empresas) á realidade de Galicia.
Segundo informa Gradiant acerca do miolo temático do evento, “o afianzamento de tecnoloxías innovadoras como a Internet das Cousas e a analítica de datos, incluído o concepto Big Data, entre outros recursos, está a permitir a xeración de eficiencias, melloras operativas e de rastrexabilidade (trazabilidade) a través de toda a cadea alimentaria, grazas á dispoñibilidade datos en maiores cantidade e fiabilidade, o que permite unha máis óptima planificación e unha mellor toma de decisións sobre a actividade produtiva”.
Segundo engade Gradiant a nosa terra amosa un importante potencial para o desenvolvemento e a aplicación práctica deste tipo de tecnoloxías, e máis se temos en conta o salientable peso na economía dos sectores agrícola e acuícola, un peso “sensiblemente maior có da media europea”. Porén, hai atrancos que salvar, obstáculos que teñen que ver coa “peculiaridade da realidade galega”. Estas características de noso fan que sexa precisa “unha colaboración coordinada dos distintos axentes implicados”, explica Gradiant. Ou sexa, un labor conxunto e unificado dos produtores agropecuarios ou acuícolas, transformadores, provedores de maquinaria, enxeñeiros, centros de coñecemento, universidades e Administración Pública. “Esta colaboración coordinada”, engade o centro tecnolóxico galego, “permitirá aproveitar as oportunidades e superar os atrancos existentes”. Sobre este punto, de feito, Gradiant sostén e acredita que Galicia pode “erixirse como un polo de innovación dixital a nivel europeo” nos devanditos sectores produtivos. Ou sexa, nun “digital innovation hub” na terminoloxía da Comisión Europea.
A xornada permitirá coñecer casos concretos de adopción e innovación dixital por parte do sector agroalimentario, grazas ao relatorio convidado de Feiraco. Ademáis, mediante os relatorios a cargo da Axencia Galega de Innovación, a AMTEGA e a Consellería de Medio Rural a xuntanza permitirá “coñecer como afronta este proceso a Administración e que mecanismos de apoio están previstos dende cada unha das institucións representadas”.
Gradiant organiza unha xornada para espallar o smart farming na nosa terra
Compartir Este Artigo

