
Ás 11.30 horas terá lugar no Forum a apertura oficial do III Carballo Interplay, coa presenza do xurado encargado de elixir o palmarés de webseries gañadoras desta edición: Noel Ceballos (de Hermanos Podcast), Niko Gómez (creador de Cálico Electrónico), Miriam Hernánz (directora de LabTVE), Carlota Núñez (coñecida vine galega), Araceli Gonda (da Asociación Galega de Guionistas) e Jorge Coira (da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia). Xusto despois, ás 12h30, proxectarase Muerte al youtuber. Pola tarde comezarán as proxeccións das 36 pezas finalistas que optan ao premio da competición de webseries do Interplay. Ás 16.00 horas poderán verse no Auditorio do Pazo da Cultura as primeiras cinco finalistas españolas: o documental Waytrippers, a serie de animación Crisis Cartoons, a comedia Sci-Fi La Supercafetera e as comedias Dos más cinco e Beto. E as 17.30 horas chegará a quenda das propostas galegas, coas proxeccións das comedias Veciños, Chola&Lola, Gafas e Pallaso, PIB, Poetarras, Dalle Jas e máis da webserie documental Teño unha horta en San Sadurniño.
Outra das actividades estrela do arrinque do festival será o faladoiro Hai lingua para o tubo? Esta será a pregunta que tentarán responder na primeira mesa redonda desta edición do Carballo Interplay, ás 19h no Auditorio do Pazo da Cultura, o colectivo Poetarras, os Páramo Pictures e as creadoras da webserie Fame. Falarán sobre a creación audiovisual para Internet en galego e achegarán claves sobre estas cuestións: Que tipo de contidos audiovisuais en galego se fan para Internet? Por que a súa presenza é tan baixa, se existe unha temática ou algunhas claves en común e cal é o público? Na organización da mesa colabora a coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
Ás 20h, Victor Grande, por Dowson e Pillei; Alejandra Piot, Paula Andrade e Iria Rodríguez, por A Espiral de Fibonacci; Oscar Pardo, por Lucas; e os Porco Bravú, por Peter Brandon defenderán os seus proxectos diante dun xurado composto por Xosé Regueira (Concello de Carballo), Nel Vidal (CTNL), Sonia Mendez (Directora do CIP) e Teresa Segura (produtora de webseries) co obxectivo de converterse nos gañadores do Premio a proxecto de webserie en galego, que se convocou por primeira vez este ano e que ten unha dotación de 1.500 euros para a produción de tres capítulos da webserie premiada.
Arrinca este xoves o Carballo Interplay cunha manchea de actividades
Compartir Este Artigo

