Vitae Consultores prosegue o seu frutífero labor formativo para o noso tecido profesional e empresarial, un labor centrado principalmente en aprendernos a extraerlle o máximo partido ás novas tecnoloxías actuais da información. Desta volta falamos da nova edición do seu Curso de Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Softare (en formato PDF). Será unha actividade de 20 horas a desenvolver na Coruña (12ª edición) e Vigo (o 13ª edición). Na Coruña celebrarase no Hotel Attica21, os venres e sábados 27 e 28 de maio e 3 e 4 de xuño. En Vigo desenvólvese na Fundación Abanca de Policarpo Sanz os días 10, 11, 17 e 18 de xuño.
Vitae resume así as orixes e os porqués do seu curso: “Dada a contorna cambiante do mercado e a necesidade das empresas e os seus equipos de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto. Ademais, “dotarase aos asistentes cos coñecementos e ferramentas precisas para integrar e aplicar este modelo de traballo e poder, desta maneira, adaptarse aos requirimentos do proxecto e do cliente na súa contorna de traballo”.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsable de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, Sivsa, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).
Vitae introdúcenos na dirección de proxectos tecnolóxicos áxiles
Compartir Este Artigo

