O pasado mércores 4 de maio o docente Francisco Javier Rodríguez era nomeado novo director da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense, en substitución de Ana Garriga. Cómpre subliñar que a súa candidatura foi única presentada, recibiu 31 votos a favor e dous en branco dos membros da Xunta de Centro. Rodríguez foi durante nove anos subdirector desta escola, arestora pasa a asumir a súa dirección marcándose varios retos: potenciar a excelencia académica e converter á ESEI no referente en Enxeñaría Informática de Galicia.
En canto ao seu equipo, Francisco Javier Rodríguez contará co docente Arturo Méndez como secretario, que repite no cargo, e terá tres subdirectoras. Eva Lorenzo continuará á fronte das actividades relativas á calidade e ás acreditacións de títulos e María José Lado seguirá encargándose da organización académica. Como novidade incorpórase Alma María Gómez, que levará unha subdirección centrada na planificación a medio e longo prazo e de apoio á dirección nas relacións institucionais, entre elas as de carácter internacional.
Entre os plans futuros (os vindeiros tres anos), a nova dirección do centro proponse tres retos principais, segundo explicou o novo director á Xunta de Centro. O primeiro deles a consolidación das titulacións, buscando o vindeiro ano “a acreditación do grao en Enxeñaría Informática e a obtención do selo EuroInf de excelencia en Enxeñaría Informática a nivel europeo”. Asemade, traballarán para consolidar as cifras de matrícula, sobre todo no Mestrado en Enxeñaría Informática e no programa de simultaneidade, amais de acometer aqueles procesos de revisión tanto de grao coma de posgrao “que nos posibiliten ter plans de estudo competitivos, de calidade e que representen unha ilusión tanto para os docentes como para o alumnado”.
O segundo reto proposto é o de visualización da ESEI, a posta en valor de todas as actividades e accións que realizan para que sexan coñecidas tanto a nivel interno como externo.
O terceiro e último reto é o da excelencia, aspecto no que o novo director salientou que “non debemos perder a oportunidade de que a ESEI (…) sexa un centro de excelencia e de referencia no eido da Enxeñaría Informática en Galicia, sendo tamén peza fundamental dun polo tecnolóxico do sur de Galicia xunto a outras enxeñarías da nosa Universidade”.
Pola súa banda Ana Garriga desexoulle ao novo equipo moita sorte nunha tarefa que confía realizarán con éxito. Dos tres anos á fronte do centro, na súa marcha a docente fixo un balance “moi positivo” da experiencia. Consolidáronse as titulacións tanto de grao como de mestrado e o programa de simultaneidade con Administración e Dirección de Empresas. “A matrícula foi subindo ano a ano e as prazas esgótanse nas primeiras convocatorias”, apuntou. Outro dos retos afrontados foi a certificación en 2014 do sistema de garantía interna de calidade, sendo o primeiro centro do campus de Ourense que acadou este aval, e a consecución do selo de calidade da Universidade de Vigo en 2015. Por último, a directora saínte valorou moi positivamente a intensificación das relacións cos colexios profesionais do sector e coa contorna empresarial do eido tecnolóxico, incrementando ano a ano os convenios asinados e poñendo en marcha iniciativas como a Cátedra Viewnext. Todo este traballo, recalcou de xeito especial, non sería posible sen o apoio, a implicación e o esforzo do equipo que a acompañou estes tres anos de mandato, dos órganos colexiais e dunha Delegación de Alumnos moi activa. Rematado este período, a profesora titular de Filosofía do Dereito, continuará impartindo docencia tanto na ESEI como na Facultade de Dereito e agarda poder retomar o seu labor investigador.
Francisco Javier Rodríguez, á fronte da Escola Superior de Enxeñaría Informática
Compartir Este Artigo

