
Estes datos, baseados en información da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para la Sociedade da Información, achegan a seguinte clasificación de concellos galegos con peores opcións de estaren na era dixital: Abadín (2.721 habitantes), Monfero (2.109), Aranga (2.051 habitantes), Cervantes (1.563) e Ourol (1.123). Todos estes termos municipais comparten certas características: teñen pouca densidade demográfica, pertencen a zonas de montaña ou presentan núcleos de poboación de difícil acceso ou orografía. Alí, sinala Quantis, a cobertura das grandes operadoras non vai alén do 30% en ningún caso. Isto é aplicable a outros concellos, aínda que con menor incidencia. Segundo sinala a empresa de telecomunicacións, trátase, en calquera caso, de cifras preocupantes, e máis tendo en conta os problemas de despoboamento que presenta boa parte da nosa terra, sobre todo as áreas máis rurais, “onde tamén hai un bo número de empresas, sobre todo PEME”, tentando saír adiante coas súas actividades.
Segundo Aquilino Antuña director xeral de Quantis, “hai moitos puntos brancos en toda a xeografía estatal”. Polo tanto, di, “aínda hai moito traballo por facer e é importante que os habitantes das zonas rurais accedan aos mesmos servizos que os de zonas urbanas”.
As zonas “en branco”, engade, existen en todas as provincias e inclúen polígonos industriais, zonas suburbanas e municipios de tamaño medio onde as conexións de banda larga “teñen escasa calidade ou simplemente non existen”. Por comunidades, a listaxe de “cidadáns desconectados” está encabezada por Castela A Mancha, Castela e León, Aragón e Valencia.
Segundo fai saber Antuña, as devanditas cifras chocan de cheo coa Lei 9/2014 Xeral de Telecomunicacións, que incorpora na súa disposición adicional décimo oitava, o obxectivo de lograr a universalización do acceso a Internet a 10 Mbps en 2017 e a 30Mbps en 2020, ademais de acadar no devandito ano que polo menos o 50% dos fogares poidan dispor de acceso a servizos de velocidades superiores a 100 Mbps. Ao seu xuízo, “se non mudan as cousas”, en 2020 “seguirán existindo fogares sen Internet”. Para Aquilino Antuña, a solución a estes problemas de cobertura está no satélite “porque o ceo ofrece unha cobertura do 100 por 100”, e, ademais, “é unha tecnoloxía que chega a todos os recantos onde non chegan as demais tecnoloxías”.
Quantis sinala que máis de 88.000 galegos non teñen boa cobertura de Rede
Compartir Este Artigo

