Ante o crecemento do número de usuarios de Periscope, o servizo de retransmisión de vídeo en directo de Twitter está a incorporar novas funcionalidades, das que adianta detalles como que nas vindeiras semanas, ao premer no campo de busca da aplicación móbil atoparemos unha listaxe de cancelos temáticos a xeito de suxestións de temas a seguir, de xeito que cando fagamos unha retransmisión tamén poderemos indicar unha temática para facilitar que a xente interesada pola mesma poda dar coa nosa retransmisión.
Periscope tamén colaborou co fabricante de drones DJI, de xeito que os usuarios que conten cun iPhone 5S ou superior e un dron DJI Inspire, Phantom 4, Phantom 3 Professional ou Advances ou un Osmo poidan conectar o móbil ao mando a distancia do dispositivo de DJI e así poder retransmitir en vivo a vista de dron. Dado que o son dende os drons son moi ruidosos, ofrecerase a posibilidade de que podamos narrar os vídeos dende o iPhone en terra.
Nos últimos días tamén estrearon en probas a posibilidade de gardar retransmisións introducindo o cancelo #save no seu título, o que será finalmente unha medida temporal, xa que está previsto que en poucas semanas xa sexa posible conservar por tempo ilimitado toda as retransmisións de Periscope que desexemos, dicindo finalmente adeus ao límite de 24 horas actual.
Periscope prepara buscas temáticas e compatibilidade con drons
Compartir Este Artigo
