Onte a Facultade de Humanidades do Campus Terra servía de marco para a sinatura dun convenio entre o reitor da USC, Juan Viaño, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, polo cal as dúas institucións unen forzas para o desenvolvemento do proxecto Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio, unha proposta encamiñada á realización do estudo do patrimonio cultural mindoniense e á súa posta en valor que prevese finalizada en decembro de 2018. Con esta idea dáselle ao municipio de Mondoñedo os instrumentos máis axeitados para a valorización dos recursos patrimoniais, históricos e culturais mindonienses, segundo indicou a alcaldesa.
En canto ás actuacións, serán desenvolvidas por un equipo dirixido polo profesor do Departamento de Historia da USC e secretario do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, tamén presente no acto de sinatura do acordo, nunha sesión na que tamén participaron os vicerreitores de Coordinación e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno e Carme Silva; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a tamén profesora da USC e directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Ana Goy Diz.
E indo ao proxecto en cuestión, Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio, toma como punto de partida o estudo do patrimonio cultural mindoniense a través do recurso ás fontes documentais conservadas nos propios arquivos municipal e catedralicio mindoniense. Este baleirado documental inclúe tamén o rastrexo de novas e informacións que se puideran localizar, entre outros: no Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Nacional, Arquivo da Chancillería de Valladolid e mesmo no Arquivo Militar de Segovia.
Nunha primeira fase dos traballos, que se podería prolongar durante un período aproximado de seis meses, os investigadores do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC procederán á recompilación e ao baleirado das fontes documentais existentes, así como de planos de épocas pasadas sobre a cidade de Mondoñedo (trazado das rúas, casas, edificios principais, fontes, cursos de auga, perímetro amurallado, vías de acceso…), festividades (San Xoán, As San Lucas…), vida cotiá (oficios, vestimenta, alimentación…).
De falarmos de beneficios deste proxecto, que conta cunha partida económica de máis de 60.000 euros, habería que salientar a posta en valor dos elementos patrimoniais da cidade de Mondoñedo, mediante a confección de paneis (estáticos ou mesmo imaxes) para informar ao visitante sobre o patrimonio mindoniense.
Asemade, a posta en marcha e sinalización de rutas históricas, etnográficas… serviría para conectar elementos patrimoniais e enclaves relevantes do concello e contribuír así á súa posta en valor, como podería ser o caso do castro de Zoñán. A creación dunha base de datos do patrimonio histórico e cultural mindoniense, a musealización in situ de determinados bens, a mellora da web municipal, a elaboración de vídeos de promoción da cidade e a disposición dunha ferramenta de asesoramento de grande utilidade para múltiples ámbitos, constitúen outras das posibles vantaxes que reportará o proxecto Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio.
Mondoñedo encarga á USC un proxecto dixital para impulsar e poñer en valor a vila
Compartir Este Artigo

