O Concello de Santiago pon en funcionamento unha aplicación móbil que facilitará que a cidadanía comunique as incidencias que detecten no termo municipal, segundo anunciou hoxe o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, quen engadiu que este servizo chamado Liña Verde “ten como obxectivo axilizar a resolución de problemas relacionados fundamentalmente co equipamento urbano”.
A nova ferramenta pode descargase de balde da App Store e de Google Play, tendas de aplicacións nas que figura baixo o nome Línea Verde. Tras a súa instalación o usuario non ten máis que seleccionar o seu municipio e comunicar a incidencia que lle preocupe, engadindo unha fotografía e unha breve descrición. A aplicación inclúe varias categorías nas que incluír a incidencia, que estará xeolocalizada: auga, alumeado, lixo, medio ambiente e outros.
Xan Duro explicou que “a denuncia chegaralle directamente ao concelleiro responsable e, no seu caso, á empresa concesionaria do servizo”. A persoa que deu conta da incidencia recibirá no seu móbil os avisos dos pasos que se vaian dando para resolvela, e tamén unha notificación cando o tema estea solucionado. Ademais, o Concello poderá aproveitar a aplicación móbil para informar doutras cuestións de interese para a cidadanía, coma os cortes de tráfico.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia amosouse convencido de que a aplicación Liña Verde facilitará a organización no Concello xa que axilizará a resolución das incidencias. Aínda así, advertiu que os problemas máis importantes, e que requiran maior investimento, non poderán ser resoltos de inmediato.
Xan Duro salientou que a aplicación móbil, que terá un custo anual para o Concello de 6.000 euros, permitirá “que os veciños e veciñas exerzan de vixiantes do estado da cidade, e colaboren na protección e no traballo para poñer ao día Compostela”.
Compostela estrea unha aplicación móbil para comunicar incidencias ao Concello
Compartir Este Artigo

