Non só Google está a realizar probas dos seus coches autónomos nas rúas dos EE.UU., senón que agora a propia Uber anuncia o inicio das súas probas no Centro de Tecnoloxías Avanzadas que abriu hai pouco en Pittsburgh, no que dotaron a un Ford Fusion híbrido de tecnoloxía para a captación de información cartográfica e a condución autónoma.
Cando o vehículo está a funcionar de xeito autónomo, un condutor ten que estar no habitáculo monitorizando as operacións deste coche que integra sensores como radares, escáneres láser e cámaras de alta resolución para realizar un mapeado detallado do contorno.
Aínda que a realización de probas no mundo real poida facernos entender que esta tecnoloxía está madura, aínda queda moito desenvolvemento por facer, xa que son moi variados os escenarios a abordar e as decisións que os vehículos terán que tomar de xeito desasistido algún día, pero polo momento xa confían que esta tecnoloxía poda servir para reducir considerablemente os falecementos por accidentes de tráfico, xa que estímase que o 94% dos mesmos están provocados por un erro humano.
A automatización dos vehículos pode contribuír a reducir a conxestión do tráfico, conseguir un transporte máis asumible e reducir as mortes na estrada, aínda que no caso de Uber as consecuencias poden ser aínda máis polémicas, xa que poderían facer posible un servizo de transporte de pasaxeiros que operaría como un servizo de taxi sen condutor, o que claramente o colectivo de condutores profesionais verá como unha grande ameaza.
Uber proba o seu coche autónomo en Pittsburgh
Compartir Este Artigo
