Seguimos dando conta das entidades, empresas e persoas recoñecidas este ano polo Colexio Profesional da Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) con motivo das súas diversas construcións ao pulo TIC da nosa terra e ao derrubamento de todo tipo de atranco que poida afastar á cidadanía do coñecemento. O Premio e-Inclusión, que como os restantes galardóns (un total de oito) será entregado no marco da vindeira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (como lembraremos, o día 3 de xuño no Hotel-Monumento San Francisco de Santiago), irá dar a mans da Fundación Vodafone España, unha entidade que ten demostrado nunha manchea de ocasións (múltiples actividades de acción social) o seu compromiso a prol do desenvolvemento das TIC para fomentar a accesibilidade universal e a inserción.
Segundo lembra o CPEIG, a Fundación Vodafone España opera a día de hoxe nun bo número de países dos cinco continentes, un total de 27, sendo o lema común das frontes abertas internacionalmente o de Connecting for Good (C4G). A xunta de goberno do Colexio tivo en conta, á hora de decantarse pola división social da operadora, que a Fundación Vodafone España é “unha institución non lucrativa, de ámbito nacional, que forma parte do Grupo Vodafone, unha das principais corporacións do mundo do sector das telecomunicacións, e que as súas actividades diríxense sobre todo ao desenvolvemento das TIC para fomentar a accesibilidade universal, a vida independente e a inserción socio-laboral a prol dos grupos vulnerables, especialmente maiores e persoas con discapacidade”.
Segundo engade o Colexio, a Fundación realiza os seus proxectos en colaboración con institucións representantes deses colectivos relacionadas coa investigación, a formación e a atención (Cruz Vermella, ONCE, CNSE, Conf ASPACE, COGAMI, CEOMA, FEGAUS, ATEGAL, PREDIF, PLENA Inclusión, Orden de San Juan de Dios ou Down España, entre outras). Ademais, “contribúe á difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións e informes”. Para enxergar en conxunto toda esta información, o CPEIG recoméndanos visualizar un vídeo específico sobre o devandito labor social e solidario.
A Fundación, explica o CPEIG, conta con catro programas principais de traballo: a Promoción do Coñecemento G4C (estudos, investigacións, obradoiros e congresos para divulgar as oportunidades das novas tecnoloxías para dar resposta ás necesidades de colectivos vulnerables; ademais de convocatorias estatais como por exemplo os Premios Vodafone de Xornalismo), Desenvolvemento e despregamento de Solución CGG (proxectos de innovación en TIC accesibles para mellorar a calidade de vida de grupos en risco e transferilos á sociedade de forma sustentable), Formación G4C (iniciativas para acadar máis emprego entre as persoas con diversidades funcionais e cognitivas a partir do ensino TIC e, tamén, para evitar a fenda dixital das persoas maiores) e Colaboracións C4G (acordos e participacións estratéxicas en fundacións e/ou a través de acordos marcos de colaboración que vinculen asociacións de colectivos en risco). En Galicia, recorda o CPEIG, a Fundación Vodafone España está presente cos seus programas desde a súa creación.
A Fundación Vodafone España recibirá o Premio e-Inclusión do CPEIG
Compartir Este Artigo

