O Digital Enterprise Show (DES) 2016 estase a celebrar en Madrid estes días (do 24 ao 26 de maio) e nel amósanse as solucións máis innovadoras en todos os sectores económicos para axudar ás empresas a emprender a súa transformación cara a nova economía dixital. Hoxe tiña lugar no DES a presentación da BrooBand, a pulseira intelixente creada pola startup Brookesia Design&Technologies logo de ser nomeada pola Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia no marco do acordo da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) coa organización do evento.
Brookesia exhibe o seu prototipo de pulseira intelixente, cuxa saída ao mercado se prevé para despois do verán. A BrooBand será personalizable e permitirá levar no pulso todo o que temos no smartphone, amais de intercambiar contactos con outros usuarios só cun apertón de mans, realizar pagamentos ou contar cun sistema de recoñecemento biométrico. Asemade, virá cun kit de desenvolvemento de software que permitirá que terceiras persoas deseñen apps para personalizar a súa pulseira.
Volvendo ao encontro, o DES 2016 inclúe un open innnovation marketplace, no que un grupo de empresas de toda España seleccionadas polo seu potencial para transformar a industria terán a oportunidade de presentar o seu proxecto e manter encontros con grandes compañías.
Os dez proxectos máis salientables participarán nos European Digital Mindset Awards, premios que recoñecen o traballo de persoas e empresas na busca de novos modelos de negocio no marco da transformación dixital.
O evento, que se está a celebrar no recinto IFEMA, reunirá máis de 18.000 profesionais do mundo da innovación e a creatividade nos negocios. Durante tres días terán lugar máis de 450 relatorios co obxectivo de que expertos internacionais conten o último sobre social business, liderado dixital, ciberseguridade, internet das cousas ou mobilidade, etc.
A pulseira electrónica Brooband preséntase no Digital Enterprise Show de Madrid
Compartir Este Artigo

