A firma galega EGATEL vai levar a Singapur (o salón Broadcast Asia 2016) os seus novos transmisores e gap-fillers (reemisor de Televisión Dixital Terrestre) serie WHET, uns equipamentos cos que se busca, entre outras cousas, ampliar a eficiencia enerxética a todo o rango de potencias de RF coa última tecnoloxía de procesado de sinal. Trátase das familias TUWH1000 e RUWH1000, que salientan polo seu deseño compacto e por acadar potencias de ata 115 Wrms nunha soa unidade de rack, “facilitando aos operadores as tarefas de instalación, operación e mantemento”.
Con este lanzamento, en palabras de EGATEL, “a empresa amplía a alta eficiencia enerxética a todo o rango de potencias de RF, aplicando a Tecnoloxía Doherty en banda larga a transmisores e reemisores que se utilizarán nas últimas fases de cobertura dunha rede de TV”.
Segundo engade a firma galega, os ditos aparellos “ofrecen unha relación prestacións-custo inmellorable”. De feito, incide, “ningún outro fabricante broadcast asumira este compromiso a prol eficiencia aplicada ao aforro de enerxía e espazo”. Segundo indica José M. M. Mariño, director de Vendas e Mercadotecnia de EGATEL, “as canles de televisión necesitan facilidades fronte aos custosos gastos de mantemento e buscan sistemas fiables e de calidade”.
As novas series, que están preparadas para traballar en todos os estándares de TV Dixital (DVB-T/T2, ATSC (3.0 ready) e ISDB-Tb), foron especialmente deseñadas para cubrir as necesidades de instalacións de baixa potencia e con limitacións de espazo. Incorporan un avanzado sistema de precorrección dixital adaptativa que elimina as distorsións da etapa de potencia e un potente inhibidor de ecos multiestándar, no caso dos gap-fillers SFN, de altas prestacións.
EGATEL tamén exhibirá o seu smart LNB, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase, segundo informa a firma galega, dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. “O terminal revolucionará o mercado SatCom”, explica a firma con sede en Ourense, “ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite, como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións Machine to Machine (M2M): eSaúde, casa conectada, smart metering, etc”.
EGATEL amosa transmisores eficientes e innovadores en Broadcast Asia 2016
Compartir Este Artigo

