A sala de prensa da Reitoría (A Maestranza) da Universidade da Coruña vai acoller o día 2 de xuño unha conferencia sobre datos masivos, tamén coñecidos como Big Data, un concepto que abrangue a investigación no tratamento de grandes cantidades de información para atoparlles rendibilidade e utilidade en múltiples aspectos da nosa vida cotiá, por exemplo no día a día da nosa empresa ou do noso centro de I+D. A encargada de impartir o relatorio será a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso Betanzos. Trátase da segunda actividade do ciclo Ciencia exPress. A actividade comeza ás 20:00 horas e desenvólvese baixo o epígrafe Big Data, por que? Para que?
Segundo informa a UDC, Alonso Betanzos é a coordinadora coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da UDC).
Respecto da cuestión sobre a que vai xirar a súa conferencia, o Big Data, sinalar que este concepto tamén alude ás mellores metodoloxías para atopar datos de valor nunha cantidade inxente de información, atopando patróns repetitivos. Segundo engade a UDC, “calcúlase que en Estados Unidos necesitaranse en 2018 uns 190.000 profesionais con coñecementos de analítica de datos, así como 1,5 millóns de xestores e analistas co know-how necesario en información masiva para tomar decisións efectivas”.
A catedrática Amparo Alonso coordinou o pasado mes de abril as xornadas internacionais sobre Big Data na Facultade de Informática, coa asistencia de importantes expertos mundiais no tema. O ciclo de conferencias Ciencia exPress ten como obxectivo explicar de forma sinxela conceptos ou temas de actualidade mediática e de interese xeral. Organízase en colaboración coa Asociación de la Prensa de A Coruña, quen suxire as cuestións que os expertos da Universidade da Coruña explican de forma amena e rigorosa á cidadanía.
Os datos masivos son o eixe temático da nova conferencia de Ciencia exPress na UDC
Compartir Este Artigo

