Vitae Consultores vai organizar os días vindeiros unha actividade formativa de gran utilidade sobre como protexer a nosa información nas contornas dixitais. Trátase do Curso Protocolo ante Ciberataques e incidentes en Seguridade TI (formato PDF). O obradoiro constará de 20 horas de contidos e desenvolverase en Vigo os días 17 e 18 de xuño e máis os días 1 e 2 de xullo, na sede de AFundación en Vigo (rúa Policarpo Sanz). Diríxese a fornecer aos nos profesionais de recursos para saberen como actuar ante unha incidencia de seguridade TI, que medidas tomar para facilitar a solución e unha posible investigación, como diferenciar se o incidente constitúe un delito ou non, que facer para previr este tipo de problemas.
Ademais, formarase aos alumnos en cuestión legais sobre seguridade tecnolóxica e sobre aqueles aspectos, en definitiva, que máis e mellor poden axudar ás autoridades competentes a resolver unha investigación.
Estes son os obxectivos do curso, punto por punto: coñecer a lexislación en materia de medidas de pescudas TIC, coñecer o procedemento e pasos a seguir en caso de incidente en seguridade, coñecer os pasos a dar en incidentes en dispositivos móbiles.
O obradoiro vai dirixido a administrador de sistemas dixitais, responsables de protección e administración de activos informáticos ou calquera profesional que teña competencia sobre estes activos. Por contidos, abordarase unha aproximación lexislativa (Código Penal), sobre tendencias nos ataques, sobre esquemas de seguridade, sobre como manexar incidentes, facer análises, prevención ou informes, entre outras moitas cousas. Tamén haberá marxe ampla para estudar as problemáticas relativas aos dispositivos móbiles e a extracción de datos.
O encargado de impartir o curso será Gonzalo Sotelo, responsable do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol, amais de ter formación de diferentes cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica.
Vitae achéganos recursos de prevención, análise e comportamento ante ataques TI
Compartir Este Artigo

