O Concello de Arteixo organiza este martes, no IES Manuel Murguía (en horario de 19.00 a 20.30 horas), unha charla destinada a amosar perante nais e pais os posibles riscos entre a rapazada dun mal uso das redes e dos dispositivos. Trátase dunha nova sesión do ciclo Aulas Abertas (Programa de Educación e Apoio Familiar) e vén da man do departamento de Servizos Sociais do Concello. Netas Aulas, profesionais deste departamento e de diversas asociacións colaboradoras achegan ás familias datos útiles e formación para complementar e apoiar o labor docente das escolas. En palabras do Concello, “a actividade abordará os perigos de Internet a que se expoñen os menores cando manexan un ordenador ou un móbil”.
A sesión será impartida por Juan Ramos, técnico de ANHIDA Coruña, unha asociación con ampla experiencia na aplicación de recursos tecnolóxicos para mellorar a aprendizaxe e na divulgación dos principais riscos e vantaxes postos en xogo pola Sociedade da Información (por exemplo o problema da adicción ás ferramentas e servizos tecnolóxicos, ou o potencial destes para optimizar o noso rendemento nas aulas). Coma noutras sesións de Aulas Abertas, porase a disposición das familias un monitor para ficar ao coidado das nenas e nenos e permitir que “os veciños con fillos poidan estar presentes na xuntanza”.
Arteixo amosa ás familias os principais riscos dun mal uso das TIC
Compartir Este Artigo

