O investigador Iván González vén de desenvolver, dende o Campus de Pontevedra, unha ferramenta informática para avaliar o balonmán en tempo real. A tecnoloxía resultante, segundo fai saber, é quen de recadar “de maneira sinxela” a información relevante que atinxe ao rendemento dun equipo de deportistas, amais dos datos que posibilitan amosar as súas taxas de eficacia en relación a ataques e defensas. Todo isto en tempo real e abranguendo a actividade de ámbolos contrincantes, achandando o camiño para tomaren os adestradores decisións acaidas durante o transcurso dos partidos. Iván González deu forma a esta ferramenta a través da súa tese de doutoramento, Análise do comportamento ofensivo e defensivo en balonmán a través dos indicadores de rendemento e índices de eficacia), un estudo que cobre un baleiro neste deporte de ferramentas específicas para xuntar “as accións máis importantes que teñen lugar durante un partido e que inflúen no rendemento dos equipos”. A tese foi dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Viaño e Luís Casais.
Segundo fai saber, a aplicación posibilita que unha única persoa poida recoller de xeito simultáneo, nun dispositivo táctil, a información sobre accións individuais, espaciais, temporais e de situación. “A diferenza con outro tipo de ferramentas”, engade Iván, “é que a avaliación do rendemento realízase durante o partido e non unha vez rematado, polo que a información pode ser utilizada de forma inmediata para ofrecer unha retroalimentación aos xogadores e poder trocar o rumbo do partido”.
Para desenvolver a tecnoloxía, González entrevistou a 37 adestradores de elite, que lle propuxeron unha serie de accións que poderían ser analizadas en tempo real “e que tiveran influencia no resultado final”. Unha vez definidas esas accións e desenvolvido o programa, González testou a súa aplicación con catro adestradores, “que observaron de forma individual unha mostra de varios partidos” co propósito de validar a ferramenta.
O software foi deseñado para rexistrar accións individuais ofensivas e defensivas, como asistencias, faltas, perdas e recuperacións, lanzamentos, golpes francos, etc…, e tamén para termos en conta variables espaciais como “as zonas do campo desde onde se produce o lanzamento”; así como as variables situacionais de cada ataque ou defensa.
Segundo engade a UVigo, a ferramenta permite definir uns índices de rendemento e eficacia que contribúen a afondar no coñecemento tanto do propio equipo como dos rivais. Nese senso, abrangue unha serie de condicionantes e parámetros que deixan camiño para “establecer modelos de xogo que sirvan para mellorar o rendemento dos equipos en cada unha das fases do xogo”, así como crear “perfís de equipos e da súa tipoloxía de xogo”.
Chega dende o Campus de Pontevedra unha ferramenta para avaliar o balonmán en tempo real
Compartir Este Artigo

