Estamos nun momento de grandes cambios no panorama mediático, e as compañías que queren manterse no mercado teñen que reaccionar ante as demandas do público, o que hoxe podemos ver na edición dixital de El Correo Gallego, que renóvase marcado unha nova etapa cun xeito moi diferente de presentar as novas, máis interactiva, máis atractiva, máis cómoda e máis intuitiva, para o que contaron coa colaboración tecnolóxica de Plexus.
O redeseño de ElCorreoGallego.es non é só un cambio estético, senón que supón un cambio de rumbo con respecto á liña que adoptaron hai cinco anos, cando decidiron reducir case á mínima expresión os seus contidos en liña, para evitar que a edición dixital canibalice á edición en papel, o que facía que boa parte dos artigos publicados na web instasen ao lector a lelos completos na edición impresa (ou na súa réplica dixital de pagamento), o que claramente ía contra as tendencias de mercado.
A volta ao rego de El Correo Gallego defínena como “mirada dixital, corazón de papel”, ou sexa, que tratan de manter a súa aposta pola edición impresa sendo conscientes de que o futuro está no contorno dixital, insistindo nas dificultades que está a vivir o sector da prensa, moi afectado pola crise económica, pero que neste sector trouxo tamén unha crise de modelo de negocio, cunha viaxe cara a un destino descoñecido que dificulta adoptar posicións.
O que si parecen ter claro dende El Correo Gallego é que estamos ante un cambio con dúas caras, que por unha banda achega un xornalismo menos dependente de caros sistemas de produción e distribución, pero por outra empurrounos a “unha maridaxe tóxica entre xornalismo e industria do lecer, que dexenerou na perda de credibilidade e ata un empobrecemento dos valores éticos” do oficio.
Os cambios na páxina web de El Correo Gallego son visibles dende o primeiro momento, xa que apóstase por imaxes de grande tamaño, e unha composición de páxina en bloques con certa organización xerárquica, que deixa clara a intención de reflectir o traballo artesanal do papel, fuxindo a aleatoriedade (ou dependencia meramente cronolóxica) doutros formatos de presentación da información.
Tamén pretenden facer unha maior aposta multimedia, polo que nos vindeiros días poderemos ver certa integración do vídeo aproveitando o feito de que o grupo de comunicación conta cunha canle de televisión local en Compostela.
ElCorreoGallego.es renóvase cunha presentación máis visual
Compartir Este Artigo
