vén de presentar ITBox, unha tecnoloxía de seu dirixida a facer máis doado e eficiente o despregamento de aplicacións e servizos, permitindo aos profesionais implicados ceibarse do complexo labor de pór en funcionamento as arquitecturas IT onde aqueles se despregan. ITBox pon en xogo unha manchea de vantaxes para a posta en marcha de ferramentas: optimiza os recursos IT, permite crear de maneira desatendida unha nube privada e posibilita a conexións con servizos de cloud pública (plataformas como Amazon, Google, Microsoft) de “maneira transparente”. “Asemade”, engade Gradiant, “fai extremadamente sinxela a xestión destes servizos e aplicacións durante todo o ciclo da súa vida”. Ao fío disto, ceiba ás entidades e empresas de ter que contratar persoal experto para a optimización de recursos.
O desenvolvemento, en virtude dun acordo co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), está a ser probado arestora por este centro. Lembrar, de feito, que Gradiant e CESGA están vinculados mediante un Convenio Marco de Colaboración, que ten o obxectivo de “establecer colaboración entre ambas as partes para intensificar, promover e regular as actividades que contribúan a mellorar a capacidade científica, técnica e formativa das institucións, dentro do seu ámbito de interese”.
En virtude deste acordo, ambas as institucións comprométense a levar a cabo actividades conxuntas, entre as cales están a proposta e desenvolvemento de proxectos de investigación compartidos; a cesión entre ambas as entidades de recursos de investigación, tanto humanos como técnicos; e a transferencia de información e software. O acordo tamén abrangue a colaboración na difusión de actividades e produtos.
En definitiva, a suma de forzas Gradiant-CESGA encamíñase a “mellorar a industria de Galicia”.
A respecto do potencial de ITBox o Centro de Supercomputación salienta “a sinxeleza de uso e instalación para o mantemento das súas infraestruturas”, e valora empregar esta tecnoloxía para optimizar o tempo adicado aos seus despregamentos de servizos a terceiros (administracións, universidades e PEME, principalmente). Por outra banda, o CESGA estuda tirar proveito de ITBox para testar os seus servizos de almacenamento distribuído e en despregamentos rápidos de servizos web. Ademais, a dita tecnoloxía ten un gran potencial no pulo e materialización dos desenvolvementos do CESGA en materia de modelado numérico ou información masiva (Big Data).
“A tecnoloxía ITBox”, engade desta volta Gradiant, “está ao servizo das PEME e calquera outro tipo de empresas que necesiten optimizar os seus sistemas e servizos de tecnoloxías da información”. Amais de todo o devandito, informa o centro galego, ITBox é quen de limitar os custes que implican os erros humanos, é compatible con calquera hardware (e, de feito, ten capacidade para valorizar os equipos), amosa ampla marxe de adaptación e evolución en recursos de cómputo e almacenamento (é escalable horizontal e verticalmente) e abrangue potencial para facer invisible as infraestruturas IT. Ademais, todos os datos que se xestionan a través dela están cifradas.
Gradiant desenvolve unha tecnoloxía que facilita ao máximo o despregue de aplicacións: ITBox
Compartir Este Artigo

