A pasada noite a Televisión de Galicia tiña previsto emitir a última entrega da tempada do programa Land Rober Tunai Show, pero tanto os responsables do espazo televisivo coma o público pensaban que aínda era cedo para o descanso estival, e ante os berros das bancadas pedindo un programa máis come se fosen os bises dun concerto, o condutor do programa, Roberto Vilar, quixo levar ese sentimento á Rede, e propúxolle aos seareiros do do Tunai Show que chiasen co cancelo #LandRoberBIS e, de conseguir liderar os Trending Topics estatais, o programa continuaría unha semana máis.
Era difícil imaxinar o impacto que tería o reto lanzado dende o programa da Galega, pois o propio cancelo do programa actual, #LandRober54, xa estaba a conseguir uns resultados magníficos (con 5.778 chíos conseguiu converterse nun dos de máis impresións na historia do programa), e pasar de apoiar ese cancelo a só unha hora da emisión, e tentar chegar á primeira posición dos tendencias de Twitter en España era un reto moi ambicioso, aínda que o público soubo estar á altura, e nos 7 primeiros minutos do reto o número de chíos de #LandRoberBIS xa superaba ao total do anterior, pulo que mantívose ata o remate da emisión, chegando a preto dos trinta mil chíos, volume case impensable para un programa dunha televisión autonómica.
Tendo en conta que os programas de ámbito estatal chegan a unha audiencia moi superior en número, que non en paixón, impresionaba ver como entre os temas en tendencia viamos como o Land Rober Tunai Show acumulaba máis chíos que Master Chef, Vis a Vis e La Que Se Avecina e, de feito, o número de chíos de #LandRoberBIS era máis do dobre que o da serie de ficción que emitía Telecinco.
Esta mañá aínda tiñan unha boa posición en Twitter os cancelos promovidos polo programa da TVG, chegando a aparecer #LandRoberBIS na sétima posición do Trending Topic internacional, segundo indicou Javi Mos (responsable das redes sociais do programa) deixando claro que Roberto Vilar, Xosé A. Touriñán, Eva Iglesias e compañía non poderán facer as maletas esta semana e terán que adiar sete días as súas vacacións.
O propio Roberto Vilar agradeceu ao público o seu apoio nas redes sociais, asegurando que “conseguistes emocionarme e darlle unha dimensión ao programa máis grande aínda! Sabemos que somos o que o noso público é, e agora mesmo somos os máis grandes, por vós, vai por vós. A semana que vén haberá un LandRoberBIS, e será máis bonito aínda!”.
Pero estes bos resultados non son só virtuais, senón que tamén teñen impacto nos datos de audiencia, e durante a pasada xornada o Land Rober Tunai Show conseguiu unha cota de pantalla do 16,3%, o que supón unha media de 165 mil espectadores, datos realmente bos no contorno actual no que as audiencias están moi fragmentadas por mor da ampla oferta audiovisual.
Uns 30 mil chíos piden que o programa Land Rober Tunai Show volva a semana que vén
Compartir Este Artigo
