O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña enuméranos nesta entrevista as potencialidades do centro para múltiples convocatorias de fomento da innovación e a transferencia. Estas potencialidades pasan en boa medida pola experiencia adquirida: un camiño que proporciona a firmeza necesaria a calquera experiencia futura. Nesta entrevista, Manuel F. González Penedo detalla polo miúdo os elementos que converten ao CITIC en referente a nivel estatal e, por suposto, internacional.
-Que converte ao CITIC nun socio idóneo para convocatorias como Innterconecta?
En primeiro lugar, o fomento que desde o CITIC facemos da transferencia tecnolóxica e de coñecemento. Nos últimos anos, aliñámonos co sector empresarial participando en máis de 100 proxectos de transferencia tecnolóxica, nos que proporcionamos ás empresas ese know-how ou coñecemento tecnolóxico especializado, así como a I+D necesaria para axudalas a converterse en empresas máis competitivas.
En segundo lugar, o que nos converte en socios estratéxicos para as empresas é, por suposto, a nosa actividade de I+D+i aplicada ás Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Esta actividade desenvólvese en base aos dous Sectores Funcionais do Centro, Contornas Smart e Retos Sociais, sobre os que pivotan nosas tres Áreas Tecnolóxicas: (i) Ciencia de Datos e información, (ii) Percepción, Cognición e Iteración, e (iii) Arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións.
Outro factor a ter en conta é a ampla experiencia e traxectoria que posuímos en diversas convocatorias de I+D, dentro e fóra do noso país. A nivel nacional, tanto as de I+D, que nos serven de base para mellorar e avanzar nas nosas liñas de investigación, como naquelas que están máis ligadas á transferencia tecnolóxica -por exemplo, a actual convocatoria FEDER-Innterconecta-, nas que podemos participar en colaboración co sector empresarial. Neste sentido, participamos de maneira activa en convocatorias rexionais como Conecta PEME, Unidades Mixtas de Investigación, etc., e nacionais como as de Proxectos de Investigación e Desenvolvemento (PID), Proxectos estratéxicos CEN, a actual FEDER-Innterconecta, etc. E, por suposto, non podemos esquecer as diferentes convocatorias internacionais nas que participamos, como Interreg, POCTEP, ademais do programa marco europeo H2020.
-Como pode resumirse a experiencia do Centro nesta convocatoria no últimos tres anos?
-En liñas xerais, ao longo das últimas convocatorias (2011, 2013 e 2015) viuse incrementado o número de empresas que confiaron en nós como Centro especializado en I+D+i aplicada ao TIC. O número de proxectos nos que participamos mantívose, aínda que se viu aumentado o noso peso neles progresivamente. Dentro de todos estes proxectos non só colaboramos co sector empresarial dentro dos consorcios, senón que o facemos tamén con outros Centros Tecnolóxicos de maneira habitual. Baixando máis ao terreo, na convocatoria do 2013 superamos en tres veces o número de proxectos presentados e concedidos, respecto da de 2011. O nivel de fondos captados polo Centro tamén se triplicou, e o número de empresas coas que se mantiveron relacións contractuais co Centro multiplicouse por catro. Comparando a convocatoria de 2015 respecto da de 2013, baixamos lixeiramente o número de proxectos presentados e concedidos, pero igualmente a captación de fondos incrementouse un 40%, e a nosa relación co sector empresarial aumentou un 30%.
Este ano confiamos en continuar esta tendencia positiva, focalizándonos cada vez en proxectos de alto interese. Ademais, unha maior captación de fondos por parte do Centro permitiranos seguir especializándonos nas diferentes liñas de I+D aplicada ao TIC.
-Como se prepara o CITIC para a presente convocatoria?
-O máis importante é coñecer desde un primeiro momento as necesidades de I+D das empresas, para así achegar todo o noso coñecemento ao sector empresarial en liñas de investigación, baseadas no tres áreas tecnolóxicas anteriormente citadas: (i) Ciencia de Datos e información, (ii) Percepción, Cognición e Iteración, e (iii) Arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións.
Dentro destas Áreas Tecnolóxicas especializámonos en liñas relativas a Factoría 4.0, UAVs, Big Data, sistemas expertos, Machine Learning, visión artificial, sistemas recomendadores, posicionamento e localización en interiores, HPC, Cloud Computing e estatística, modelos matemáticos e simulación.
Neste tipo de convocatorias non só apostamos por achegar coñecemento e transferencia, senón que ademais axudamos na formación dos consorcios empresariais. A nosa participación en proxectos deste estilo nas tres convocatorias anteriores proporcionounos un amplísimo coñecemento do noso sector empresarial, das súas capacidades e das liñas de negocio das diversas empresas. Isto, como diciamos, é o que nos permite apoiar ás empresas na formación dos consorcios.
-Cantos proxectos e de que ámbitos presentaranse?
-Non aspiramos a participar en máis proxectos cada vez, senón que buscamos que estes sexan máis interesantes e precisen altas doses de especialización; proxectos nos que os retos tecnolóxicos sexan cada vez maiores e nos que a nosa especialización sexa o medio que potencie a competitividade do noso sector empresarial. En canto aos ámbitos, hei de dicir que a transversalidade das TIC permítenos participar en proxectos de temáticas e sectores moi diversos, como industrial, enerxético, pesqueiro, sanitario, transportes e comunicacións, turístico, medioambiente,? O noso obxectivo é, como mínimo, continuar a traxectoria que vimos trazando desde as anteriores convocatorias, xa que a liña de tendencia é crecente.
O CITIC, socio estratéxico para Innterconecta
Compartir Este Artigo

