Este martes presentouse en Pontevedra o evento Tek Fest, encontro internacional de tecnoloxías emerxentes que se celebrará na cidade do Lérez na semana do 27 de setembro. Na súa presentación, os concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña, responsables de Promoción da Cidade e Novas Tecnoloxías, incidiron no carácter cen por cen pioneiro da actividade. No acto tamén participaron Toño Cabanelas, director e coordinador do proxecto, e Manuel González, director do programa Zoom Net de TVE. O Tek Fest, fixeron saber, xorde “coma unha ponte entre as institucións, as empresas e a cidadanía para democratizar os recursos máis avanzados da cultura dixital: a hiperconexión, os datos masivos, a realidade virtual ou a intelixencia artificial”.
A cita será en setembro. O día 27 haberá unha conferencia inaugural e desenvolveranse obradoiros entre o 28 e setembro e o 1 de outubro. Ademais, sinalaron hoxe na presentación, durante os meses previos ao evento está previsto celebrar distintos obradoiros para introducirnos no Tek Fest, evento que nesta primeira edición xirará arredor da realidade virtual. Participarán grandes profesionais internacionais do sector amosando cousas como os últimos adiantos en cámaras estereoscópicas, son binaural en 360 graos ou lentes e cascos VR.
O evento está pensado sobre todo para profesionais de áreas tecnolóxicas, pero tamén para outros perfís como por exemplo xente nativa dixital, curiosas/os das novas tecnoloxías e, tamén, calquera visitante “coa arela de coñecer de primeira man as tecnoloxías que están a cambiar o mundo”.
O Tek Fest está proposto como “un encontro profesional internacional de tecnoloxía”, con profesionais “de primeiro nivel” e poñendo ao alcance de Pontevedra e contorna coñecementos avanzados, experiencias de profesionais e oportunidades de negocio. “O evento será moi importante para a cidade”, sinalouse na presentación engadindo que en virtude de Tek Fest Pontevedra será pioneira en “desenvolver obradoiros sobre esta tecnoloxía tan innovadora e con tantas aplicacións prácticas: xornalismo, arquitectura, medicina, cine, turismo, comercio electrónico…”.
Na xornada de hoxe Manuel González e Toño Cabanelas impartiron un obradoiro de “comunicación inmersiva” na Casa da Luz e pola tarde está prevista unha sesión de traballo do equipo do festival na sede. Ás 20.00 horas está programada a presentación do proxecto ás empresas incluídas no Puntazo. Será na Casa da Luz e participa a empresa Sal y Laurel (Marín), que presentará “a primeira experiencia en realidade virtual que mestura a gastronomía galega e a contorna”. Adícase nesta primeira ocasión, ao percebe e ao labor dos percebeiros.
Pontevedra será o centro da realidade virtual coa primeira edición do Tek-Fest
Compartir Este Artigo

