Esta tarde o Círculo de Belas Artes de Madrid acolleu o acto de presentación en sociedade de Podium Podcast, unha “rede global de podcast en español” de PRISA Radio, que contou con padriños como Mario Vargas Llosa, Arturo Pérez-Reverte, Guillermo Arriaga, Juan Cruz, José Mª Pou e Carles Capdevila, que dialogaron sobre a relación entre a literatura, o cine, o lecer e o podcasting, o que non deixa de ser unha selección de persoeiros moi curiosa, xa que non parecen ser o máis acaído para unha plataforma de comunicación que presume de ser nova.
Polo momento Podium Podcast vese como unha aposta moi pouco decidida, que a simple vista compórtase como unha páxina web dunha emisora de radio que carece de licenza na FM, pois limítase a recoller unha serie de programas dos que podemos escoitar as súas primeiras entregas vía web, o que non é precisamente o xeito natural de escoitar podcasts, aínda que por fortuna inclúen o enderezo RSS para facilitar a subscrición aos contidos, pero polo momento parecen estar ausentes de iTunes e iVoox, polo que dificilmente chegarán aos actuais oíntes de podcasts.
Dende PRISA Radio aseguran que Podium Podcast é unha rede viva e flexible cunha oferta á carta que se adapta a cada oínte, estando os seus produtos pensados para a Internet, con novas narrativas radiofónicas e un son coidado. O catálogo de Podium Podcast está composto por obras agrupadas en ficción, xornalismo, lecer e esenciais, e aínda que a meirande parte da produción é española, pretenden tirar proveito da presenza da compañía en Colombia, México, Arxentina e Chile, orientándose ao público de fala hispana en xeral.
Actualmente Podium Podcast ten 19 programas en carteira, con voces coñecidas, de xeito que podemos escoitar a Ángeles Afuera dando conta de Acontecimientos históricos e de Teatros del aire; a xornalista moi activa na Internet Lucía Taboada dirixe La Redada, un espazo sobre o máis divertido da Rede; e incluso os relatos de suspense de Historias de Medianoche, de Chicho Ibáñez Serrador, que poñen a disposición dos oíntes a case tres décadas da súa emisión orixinal. Unha oferta tan heteroxénea como tradicional, que parece estar oi cinguida aos medios e ás fórmulas habituais da Cadena SER, polo que será preciso agardar bastante para ver se esta nova plataforma colle un carácter de seu ou limítase a operar coma o servizo á carta dunha radio convencional.
PRISA Radio presenta a súa nova plataforma de podcasts
Compartir Este Artigo
