O Centro Demostrador TIC acolleu hoxe a primeira xornada do Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da PEME, impartido pola Escola de Negocios Afundación, coa finalidade de achegar aos asistentes as claves e as principais novidades no ámbito dixital, que poden ser de utilidade no día a día das empresas.
AceleraTIC busca contribuír á creación dun perfil directivo que manexe o dixital dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que adquira as habilidades necesarias para entender o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.
O programa formativo desenvolverase en Santiago de Compostela ao longo de seis sesións de 8 horas de duración nos meses de xuño e xullo. Cada unha das sesións céntrase en distintos aspectos fundamentais para a transformación dixital da empresa.
A sesión inaugural de hoxe, Estratexia para a nova contorna dixital, tratou os fundamentos dunha estratexia dixital, os novos modelos de negocio baseados no dixital e as tendencias (cloud, Big Data, mobilidade ou Internet das Cousas), e analizará as oportunidades e os retos da contorna dixital.
Seguiranlle o día 16 deste mes Marketing dixital para PEME; Comercio electrónico, o día 23; e Big Data & Business Intelligence para o control de xestión empresarial, o 29. Xa no mes de xullo impartiranse as sesións Análise de datos para o control da estratexia dixital, o día 7; e Transformación e xestión do cambio na organización, o 13.
Bota a andar o programa AceleraTIC
Compartir Este Artigo

