A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde anunciou que xa son 1.210 os procedementos administrativos aos que os galegos e galegas poden acceder a través da sede electrónica, avance na dixitalización da Administración desenvolvido dentro do Plan Achega que se desenvolve entre os anos 2014 e 2016 e que pretende maximizar o grao de achegamento da Administración á cidadanía a través dunha relación máis simple, rápida e fluída grazas ás TIC.
Segundo explicou Prieto, os 1.210 trámites aos que agora se pode acceder de xeito electrónico supoñen máis do 80% do total que oferta a Xunta de Galicia ou, o que é o mesmo, a día de hoxe “a administración galega está aberta todos os días do ano as 24 horas do día para 4 de cada 5 trámites que oferta”. Ademais, para estes procedementos xa foron eliminados un total de 36 documentos que xa non se solicitan na Administración e que son consultados directamente pola Xunta, grazas ao avance da plataforma de interoperabilidade. En concreto, os mais significativos son o certificado da renda, a consulta dos datos de identidade, o certificado de discapacidade ou o os datos catastrais e de residencia ou título de familia numerosa, entre outros.
Ao longo de 2015 fixéronse preto de 63.000 presentacións electrónicas, case o dobre que no ano anterior, o que da boa mostra do interese que a medida suscita tanto en particulares como en empresas e, en palabras de Natalia Prieto, reafirma á sede electrónica como “a canle de referencia para a atención, información e relación co cidadán”.
As consellerías que xa participaron neste proceso de revisión e simplificación no marco do Plan Achega foron as de Medio Rural e do Mar; Traballo e Benestar; Economía, Emprego e Industria; Infraestrutura e Vivenda e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; así como á Presidencia e á Vicepresidencia da Xunta.
Actualmente, só faltan 253 procedementos por revisar e incorporar á sede electrónica pertencentes ás consellerías de Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo, explicou a directora xeral, é que os traballos poidan estar finalizados despois do verán, de xeito que a Xunta de Galicia sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día para a práctica totalidade dos seus trámites.
Máis de 1.200 procedementos administrativos da Xunta xa están dispoñibles electronicamente
Compartir Este Artigo

