A empresa Balidea e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizan o vindeiro 16 de xuño a xornada As TIC nas Institucións da Unión Europea, un evento para esculcar nas principais presentes e vindeiras liñas de actividade tecnolóxico-dixital da administración europea. A xornada celebrase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela e nela, Francisco García Morán, conselleiro xefe en TI da Comisión, falará do plan de actuación tecnolóxico-dixital que se está a levar a cabo nas institucións da UE. A asistencia é de balde, previa inscrición no correo electrónico: eventos@cpeig.org.
A sesión, dirixida especialmente a estudantes e empresas, terá lugar a partir das 18.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. O relatorio de García Morán inclúe tres puntos de máxima actualidade: eGov e novo Plan de Acción da UE; open Government services; e Conecting Europe Facility (CEF) e interoperabilidade: Programa ISA2. Tras a súa intervención, abrirase unha rolda de preguntas.
Respecto do relator, lembrar que foi premiado hai dous anos polo CPEIG pola súa traxectoria profesional. Francisco García Morán é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. Comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla e, despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Xunta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática.
En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsable a partir de novembro de 2005 ata febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea, en calidade de xefe de Informática, centrado en áreas tan importantes como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC.
García Morán falará de Europa nas TIC da man do CPEIG e Balidea
Compartir Este Artigo

