No mes de marzo dimos conta do feito de que o Messenger de Facebook agochase un xogo de tiros libres ao que podiamos competir intercambiando a emoticona do balón de baloncesto, e agora, co gallo da Eurocopa 2016 e da Copa América, dende Facebook quixeron repetir a xogada, e lanzar un xogo semellante que consiste en dar toques ao balón no aire, evitando que caia, de xeito que o xogador que gañaría sería o que máis toques consecutivos conseguise dar ao balón, iniciándose a partida se prememos na emoticona do balón de fútbol compartida nunha conversa no Messenger.
Os usuarios poden xogar cantas veces queiran a este xogo oculto, pero en cada quenda de partidas compartirase a través da conversa na que si inicie a máxima puntuación conseguida, o que é un importante incentivo par continuar a xogar ata conseguir unha puntuación minimamente digna, ou incluso para superar ao da persoa coa que compartimos a conversa.
O xogo está dispoñible a través da aplicación de Messenger para iOS e Android, e confían en que teña un grande éxito, seguindo os pasos do xogo de baloncesto que superou os mil millóns de partidas en menos de 90 días.
Dende Facebook aproveitan para achegar algúns consellos sobre o xogo: cando máis preto do centro do balón premamos, máis recto rebotará; recoméndase agardar a que o balón baixe (perseguilo complica as partidas); e tamén recomendan ter coidado coas imaxes e sons que poidan distraer (pois o xogo require de grande concentración).
O Messenger de Facebook agocha un xogo de fútbol
Compartir Este Artigo
