Pensando no “ben público” a axencia coruñesa de mercadotecnia en liña, Nasas, vén de anunciar a súa nova convocatoria para realizar unha campaña Probono (para o ben público). A finalidade desta achega, segundo o equipo da empresa, é contribuír á mellora e fomento daquelas entidades que comparten os seus valores e ideas. Como xa demos a entender, esta non é a primeira experiencia Probono da axencia creativa, pois os últimos tres proxectos deste tipo foron: en 2015 a web de Alcer Coruña, en 2014 o sitio da asociación cultural da Coruña La Escuela Iniciativas Culturales e en 2013 deseñaron o logotipo para a cooperativa enerxética galega Nosa Enerxía.
Desta volta, ábrese unha oportunidade para todas aquelas entidades que precisen axuda de cara a elaborar un novo deseño de imaxe corporativa, un plan de comunicación dixital, unha campaña de captación, a creación ou redeseño dunha web. A convocatoria vai encamiñada a entidades sociais ou culturais non afiliadas a ningún partido político ou relixión, ingresos inferiores de 750.000€ anuais e con sede na Coruña, aínda que o seu traballo pode ser realizado en calquera parte do mundo.
Entre todas as entidades que cumpran os requisitos, escollerase a unha delas. Os interesados deben enviar un correo electrónico a info@nasassocialmedia.com co asunto REF. Probono 2016 ata o 1 de xullo.
Nasas abre unha nova convocatoria Probono para entidades sociais
Compartir Este Artigo

