O Concello de Cabana de Bergantiños presentou este venres no Centro de Maiores de Neaño unha nova versión da aplicación Cabanízate, operativa esta semana para plataformas Android e iOS. Segundo fixeron saber os representantes do Executivo local, o Concello de Cabana é “o primeiro da Costa da Morte en contar con esta tecnoloxía” e en apostar polo uso dunha ferramenta coma esta para axudar aos cidadáns a solucionar problemas “dunha maneira máis sinxela, áxil e coordinada”. A aplicación ten o obxectivo de xestionar “de maneira óptima” as incidencias que se detecten en calquera lugar do termo municipal, por calquera persoa ou polos servizos municipais xestionados por empresas ao servizo do Concello, “e desta maneira mobilizar os recursos para resolvelos”.
Como novidades principais, engadíronse novas funcionalidades ao sistema existente, optimizouse a xestión das incidencias enviadas desde os smartphones polos cidadáns e complementouse o conxunto de servizos dixitais coas incidencias recibidas por teléfono ou de maneira presencial. O Concello, ademais, poderá xerar avisos que serán recibidos de contado polos veciños, “por exemplo en situacións de emerxencia”, explicouse na presentación, engadíndose que a aplicación conta ademais con canles de novas culturais, emprego/formación e servizos sociais. A empresa encargada de mellorar e ampliar as posibilidades de Cabanízate é e-Tecnia Geosistemas e Enxeñaría S.L.
Cabana de Bergantiños presenta unha nova versión de Cabanízate
Compartir Este Artigo

