A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Turismo, vén de presentar a súa nova liña de incentivos para atraer visitantes aos concellos da provincia e, tamén, para conseguir que volvan e manteñan o contacto connosco. Unha liña de traballo que pasa, de cheo, pola fórmula TIC. Deste xeito, amais de elementos de sinalización, equipamentos nas oficinas turísticas, novos acondicionamentos de áreas de interese e material de divulgación, impulsaranse aplicacións para dispositivos móbiles destinadas a promover turisticamente os concellos coruñeses. A iniciativa está financiada con medio millón de euros e insírese no programa de subvencións a concellos para a súa promoción turística.
Este programa e as súas liñas de acción baséanse nunha realidade plenamente constatada: a fonda transformación dixital que está a sufrir nos últimos tempos a promoción turística dos concellos. A Deputación da Coruña quixo que esta viraxe tamén se reflectise nas súas subvencións turísticas concedidas a concellos e entidades locais.
Segundo apunta a institución provincial, entre os proxectos que se han subvencionar son varios os concellos que presentaron iniciativas encamiñadas á creación de aplicacións para móbiles ou diversas actuacións no ámbito das TIC, o que suporá un importante cambio na comunicación turística no entorno dixital.
Polo tanto, a Área de Turismo da Deputación contribuirá, á modernización da promoción turística en concellos como a Pobra do Caramiñal, que porá en marcha unha aplicación para móbil do museo e a ruta Valle Inclán, Ames, Betanzos, Brión, a Capela, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Mañón, Muxía, Negreira, Ordes, Outes, Rianxo, San Sadurniño, Santa Comba, Tordoia ou Touro que mellorarán a súa presenza na Rede. Ademais a través da convocatoria o Consorcio de Turismo e Congresos creará unha páxina web para a Regata The Tall Ships Races e a Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol para a promoción do produto turístico Surf.
Segundo fai saber o deputado Xosé Rogueira ao fío da natureza destas accións, “a Rede está a modificar a grande velocidade a promoción turística e as novas tecnoloxías están a ser fundamentais para a difusión dos distintos produtos do sector polo que é de grande interese que os concellos participen nestes cambios e invistan na modernización dos seus sistemas de comunicación”.
Turismo da Deputación fixo pública a aprobación da concesión definitiva das subvencións de promoción turística que supoñen un investimento de medio millón de euros. Ademais da mellora da comunicación dixital dalgúns dos destinos turísticos, os obxectos das subvencións concedidas aos distintos concellos inclúen propostas como acondicionamentos de roteiros, sinalizacións, paneis LED de información, melloras de oficinas de turismo, subministracións para eventos ou equipamentos de puntos de información.
A Deputación da Coruña contribuirá ao pulo dixital das accións turísticas dos concellos
Compartir Este Artigo

