A empresa galega Primux Tech, centrada no desenvolvemento e na comercialización de produtos de electrónica de consumo, vén de activar a súa política de responsabilidade social corporativa. E fíxoo colaborando coa asociación Down España e a súa filial Down Galicia. Ao abeiro deste compromiso e tras recibir a proposta de Down Ourense (federada en Down Galicia), a empresa de fabricación e distribución de aparellos electrónicos de lecer ofreceu o seu primeiro contrato laboral a David Novoa, ourensán de 26 anos que se integrou no cadro de persoal por un período mínimo dun ano.
Segundo informa Primux e reflicten fontes da Tecnópole (na que se empraza a sede de Primux), David Novoa conta co respaldo dunha preparadora laboral de Down Galicia e, ao igual ca todos os novos traballadores, recibe formación e apoio continuos dos seus compañeiros dentro do departamento de Loxística e Calidade, onde traballa no inventariado de pezas de reposto, tarefas de retractilado e organización do almacén do departamento técnico postvenda, entre outras funcións.
A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) tamén lembra que Primux participou recentemente como patrocinadora no 2º Encontro Nacional de Mocidade Down España, celebrado en Santiago de Compostela a finais de maio. Segundo informa Daniel Rodríguez, director executivo de Primux, “estamos comprometidos cos retos da sociedade e, malia que non somos aínda unha gran empresa, queremos contribuír na medida das nosas posibilidades ao seu desenvolvemento”.
Primux activa política de responsabilidade social colaborando con Down Galicia
Compartir Este Artigo

