O investigador Ramón Méndez González (Ourense, 1983) vén de achegar o quinto volume da colección Tradución e Paratradución, unha obra que está a ser moi ben acollida entre o alumnado da UVigo e que serve de achegamento exhaustivo aos principais segredos do mercado dos videoxogos no que a adaptación a diferentes linguas se refire, en palabras do autor “un novo e importante mercado” a ter moi en conta e seguir ben de preto (polo que ten, tamén, de potencial nicho de actividade para os nosos estudantes e profesionais do ámbito da tradución e máis do desenvolvemento de lecer dixital). “O sector dos videoxogos leva anos demostrando que non ten limitacións”, sinala Méndez, docente no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, que se incorporou a este mercado profesional en 2003, xusto cando comezaba a estudar Tradución e Interpretación na Facultade de Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo).
Con este libro, editado pola Universidade de Vigo e publicado en formato impreso e electrónico, o autor actualiza e amplía o traballo de investigación presentado na súa tese de doutoramento, defendida na Universidade en 2012, ofrecendo ao lector unha clara fotografía da situación actual do mercado da localización de videoxogos. Na obra, de 400 páxinas, Méndez debulla as características da profesión, facendo fincapé na cuestión de “habitar a imaxe”, un concepto co que salienta a capacidade que pode ter unha aventura gráfica de mergullarnos na súa historia e que ten que ser experimentada e garantida (esa capacidade), tamén, pola tradutora ou tradutor. Sobre todo, sinala, “porque un videoxogo non é tan só texto, senón que é unha mestura perfecta entre texto, imaxes, sons, xogabilidade e un montón de pequenos detalles que poden facer que o texto varíe o seu senso, xa que unha mesma palabra pode ter diferentes significados segundo o contexto no que se atope, a personalidade dun personaxe, etcétera”.
Ademais das diferentes cuestións relacionadas co mundo da tradución, Méndez inclúe no libro un capítulo específico sobre servizos de interpretación en eventos internacionais de videoxogos, pondo de relevo as principais limitacións e necesidades deste ámbito na actualidade.
Chega dende a UVigo unha obra que nos achega ao potencial profesional da tradución de videoxogos
Compartir Este Artigo

