Kantar Worldpanel ComTech volve publicar os datos de vendas de telefonía móbil a nivel mundial, con datos relativos ao trimestre que remata no mes de maio, destacando que nos cinco principais mercados europeos a cota de mercado de Android foi do 76,5%, o que supón un incremento do 6% con respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que en China Android conseguiría medrar ata o 79,3% de cota de mercado e nos EE.UU. incluso sorprendería chegando ao 68,5%, de xeito que a fortaleza do iPhone cada vez está máis en dúbidas.
Cómpre salientar que en España non hai ningunha discusión ao respecto, pois pasamos dunha conta do 89,9% en 2015 a un 92,8% no presente exercicio, mentres que iOS queda reducido a un anecdótico 6,9%, e todo indica que a situación non vai mudar por moito bo que poida ser un futuro iPhone 7, xa que Apple está orientado á alta gama, mentres que o mercado está a medrar nos segmentos de gama baixa e media.
Un detalle a subliñar en Europa é que, tras Samsung e Apple conseguiu colocarse en volume de vendas Huawei, co 12,5% das vendas (que chegarían a preto do 21% tanto en Italia como en España) e, de feito, no territorio español non só cae en vendas Apple, senón que a propia Samsung (tradicionalmente líder indiscutible) tamén está a padecer unha dura caída (perdeu 5,6 puntos o último ano). De feito, dende Kantar consideran que falar dunha loita entre Samsung e Apple é xa cousa do pasado, e agora estas compañías xa non teñen que centrarse en competir entre si, para facer fronte á ameaza que está a chegarlle doutros fabricantes que emerxen con moita forza, como Huawei ou Xiaomi.
No que se refire aos smartphones máis vendidos, o Samsung Galaxy S7 conseguiu converterse en líder (co 11,1% das vendas), seguido polo iPhone 6s (10%), aínda que o que pode sorprender a moitos é que, co 3,6% de cota de mercado o iPhone SE conseguise situarse entre os 10 terminais máis vendidos do último trimestre analizado.
Samsung e Apple comezan a ver ameazado o seu liderado no mercado dos smartphones
Compartir Este Artigo
