O Concello de Ponte Caldelas vén de anunciar que ao remate do verán vai contar cun servizo de banda larga de acceso a Internet equiparable ao “das grandes cidades galegas”. A clave da cuestión, sinalou o Consistorio, está na empresa local Áurea, que está a desenvolver arestora o despregamento final da rede troncal de fibra óptica coa que dará cobertura aos 33 núcleos de poboación do territorio municipal de Ponte Caldelas. A firma Áurea sería, en palabras do Concello, o único operador galego deste tipo de tecnoloxías trala venda recente de R a Euskaltel. En Ponte Caldelas estreará “unha nova vía de negocio afastada do modelo das grandes compañías do sector”.
Estas e outras novidades TIC foron dadas a coñecer polo alcalde, Andrés Díaz, quen recibiu esta semana á directiva de Áurea, encabezada pola directora xerente, Beatriz Estévez; o administrador, Marcial Estévez, e o seu responsable técnico, Aurelio Louro. Os representantes da compañía local de telecomunicacións confirmaron na xuntanza que xa contan co permiso administrativo do Ministerio de Industria para converterse, nas súas palabras, “no único operador galego activo de telecomunicacións, trala venta de R á vasca Euskaltel”. Ademais, agradeceron ao Concello de Ponte Caldelas á axilidade na tramitación das licenzas para o tendido do cable.
Andrés Díaz salientou moi positivamente o esforzo do grupo Enermol (xermolo de Aúrea) por diversificar o seu negocio e tivo palabras de eloxio para “esta valente aposta por Ponte Caldelas”, que convértese deste maneira, sinalou, “nun municipio pioneiro da Galicia de interior en contar con servizos de Internet por fibra óptica de última xeración”. O operador caldelán, engadiu ante os medios, ofrecerá largo de banda que oscila entre os 50 Mbps e os 350 Mbps simétricos para os clientes particulares e solucións á carta para as empresas. “Uns parámetros de calidade”, valorou o rexedor, “que ata o de agora só estaban dispoñibles nas grandes cidades galegas e áreas próximas e, aínda así, de xeito parcial”.
O alcalde tamén fixo fincapé en que con estes equipamentos e servizos, Ponte Caldelas pasará de dispor dun servizo de ADSL que non pasa dos 10 Mbps asimétricos (“no mellor dos casos e con abundantes zonas de sombra alá onde non chegan as ondas WiMAX en moitos dos seus núcleos”), a un servizo “de altisima calidade” servido por cables de fibra óptica.
Será, máis polo miúdo, unha rede baseada na última tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar).
O obxectivo no plan de negocio de Áurea é chegar a unha clientela de 3.400 fogares en Ponte Caldelas, distribuídos ao longo dos 33 núcleos de poboación. Nestes momentos, os responsables da empresa informaron que xa teñen cubertos con fibra os polígonos do Campiño e da Reigosa, así como a rede troncal que os une coa vila. Logo, será a quenda de iren facendo derivacións a áreas da contorna e mesmo co obxectivo de chegar á parroquia da Insua, no recanto máis afastado do termo municipal. Segundo explicaron os directivos de Áurea, o 80% da rede troncal (uns 50 quilómetros de fibra), está instalada a día de hoxe.
En primeira instancia, a empresa estuda ofertar tres paquetes básicos aos usuarios domésticos que denominan como Áurea Bronce, Prata e Ouro, nos que ofertan conexión ás tres velocidades habituais da fibra óptica (50, 150 e 350 Mbps simétricos). Inclúe, ademais, chamadas ilimitadas a teléfonos fixos e 1.000 minutos a móbiles, xunto con algunhas diferenzas segundo o paquete. Segundo engadiron, os prezos “están sendo sometidos a un estudo de mercado”, pero barallan situalos nos 37 euros, 40 e 47 euros mensuais, respectivamente. A partir de aí haberá prezos complementarios polos servizos de televisión e entretemento audiovisual que se contraten.
O alcalde de Ponte Caldelas dixo sentirse “exultante” no nacemento dunha iniciativa empresarial (a do operador Áurea) que “non só xerará emprego”, senón que “vai mellorar a calidade de vida dos veciños e pon a Ponte Caldelas á vangarda do mapa dixital de Galicia”. E engadiu: “Vai haber moitos ollos sobre nós nos vindeiros anos porque isto vai ser moi imitado; a xente está farta das grandes empresas que che atenden, ou mellor dito non atenden, a centos de quilómetros de distancia; a xente quere recuperar a sensación de adquirir un produto de confianza e iso é perfectamente aplicable ás novas tecnoloxías e ao mundo dixital”.
Díaz tamén anunciou na xuntanza coa empresa de telecomunicacións que unha vez que Áurea “estea plenamente operativa”, o Concello de Ponte Caldelas estudará a contratación paulatina de todos os seus servizos de datos e telefonía sobre IP en todos os centros e edificios municipais. “Non se desbota”, engadiu, “asinar acordos para axudar á empresa á súa implantación nas empresas e fogares caldeláns”.
O operador galego Áurea estreará en Ponte Caldelas un servizo de banda larga alternativo ao das grandes compañías
Compartir Este Artigo

