Este luns asinouse un acordo na nosa terra destinado a fortalecer a Administración Electrónica no ámbito local, e dentro dela, unha das súas principais consecuencias ou razóns de ser: a transparencia. O acordo en cuestión foi formalizado pola Universidade de Vigo, a Vicepresidencia da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP. Mediante esta fronte común a prol da transparencia, o Goberno galego dota de financiamento á institución académica viguesa (40.000 euros) para darlle continuidade á súa liña de traballo previa, a través da cal viña fornecendo recursos aos concellos para a adaptarse ás esixencias regulamentarias da transparencia.
Participaron na formalización do convenio o reitor vigués, Salustiano Mato; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da FEGAMP, Alfredo García, o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, amais doutras persoas implicadas no proxecto, entre elas o profesor Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN, equipo ao que se lle encargou a elaboración dun completo programa de propostas.
Segundo fixo saber Alfonso Rueda, “o principal obxectivo do acordo é facilitarlles aos concellos todo o relacionado coa transparencia, que é unha obriga legal para todos”. Ademais, lembrou que o Portal de Transaparencia, posto en marcha polo Executivo galego hai apenas uns meses, recibiu xa 27.000 visitantes “unha cifra que demostra o elevado interese que hai na cidadanía por coñecer todo o relacionado coas administracións que se sosteñen con fondos públicos”.
Segundo se explicou no acto, entre as principais tarefas que terán que levar a cabo as investigadoras e investigadores do grupo GEN están a elaboración de instrumentos e ferramentas dirixidos aos concellos que faciliten o aproveitamento eficiente do espazo web de transparencia das administración locais galegas, como manuais e guías metodolóxicas, documentos tipo ou estratexias de implantación, entre outros.
Concepción Campos, codirectora da Rede Localis e secretaria de goberno do Concello de Vigo, explicou que “con este convenio imos traballar para mellorar o portal da transparencia, xa posto en marcha; producir documentos propios e, por suposto, dar apoio e asesoramento especializado ante esa escaseza de medios e de recursos, pero tamén producir guías e outros instrumentos aos que se poderán acceder vía web, tamén os propios cidadáns”. Tamén sinalou que no equipo participarán, ademais dos expertos universitarios, secretarios e técnicos da administración local, “que coñecen de primeira man cales son as necesidades e posibles solucións que mellor poden atender aos máis de 300 concellos de toda Galicia”.
Respecto da situación da transparencia na Universidade de Vigo, o reitor vigués lembrou que a institución académica viguesa conta co seu propio portal de transparencia no que se poden atopar todas as cuestións relativas ás contas da Universidade, desde concursos públicos a contratos menores. “En todos os ránkings nos que se contemplan estas cuestións estamos a quedar moi ben emprazados, agora o que nos gustaría é mellorar a forma de viaxar pola web, no sentido de facela máis amable e doada”, engadiu Mato.
UVigo, Vicepresidencia e a FEGAMP unen forzas a prol da transparencia no eido local
Compartir Este Artigo

