O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia está a impulsar Civil UAVs Initiative, un proxecto que quer empregar Vehículos Aéreos Non Tripulados (UAVs), de xeito especial drons, no ámbito civil e aplicalos na mellora dos servizos públicos, como exemplo: a extinción de incendios forestais ou a axuda no rescate de persoas en situacións de difícil acceso. A pasada semana asinábase o acordo entre o Ministerio de Economía e Competitividade, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) de cara a promover a investigación en tecnoloxía aeronáutica de uso.
O dito proxecto ascende a 24 millóns de euros e forma parte do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), un novo núcleo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados en Lugo. No Workshop Civil UAVs Initiative están tomando parte compañías como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems ou Inaer.
Aos 45 millóns encamiñados á contratación dun ou varios socios industriais, así como a compra de tecnoloxía, hai que sumarlle os 10 millóns que INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial) e a Xunta están a investir no equipamento do CIAR. O Ministerio de Economía e Competitividade achegará 19,2 millóns de euros coa co-financiamento FEDER, mentres que GAIN e AMTEGA achegarán 4,8 millóns de adicionais.
Como lembraremos, o proxecto Civil UAVs Initiative foi recoñecido recentemente polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Os membros da entidade tiveron en conta, para a concesión deste galardón, que o parque industrial e tecnolóxico das Rozas, a desenvolverse ao abeiro da Civil UAVs Initiative, situará a Galicia como un dos polos xeográficos líderes a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de avións non tripulados de ámbito civil. Conformarase ademais un centro punteiro de I+D+i especializado nun sector innovador no que as enxeñeiras e os enxeñeiros en Informática realizarán achegas fundamentais.
Pulo ao proxecto Civil UAVs Initiative
Compartir Este Artigo

