O Servizo de Información 010 do Concello de Lugo vén de achegar un balance positivo de actovodade, pois arredor de 29.000 persoas contactaron con esta plataforma no primeiro semestre do ano, 2.000 persoas máis que o mesmo período do pasado 2015. Este servizo de atención cidadán que xestiona a firma Balidea recibiu máis de 26.600 chamadas dende xaneiro a xuño e xestionou máis de 2.300 correos electrónicos, un 35% máis de peticións por esta vía que o primeiro semestre do pasado ano, a maioría delas solicitando un servizo de intérprete de lingua de signos. De facermos un resumo dende a posta en marcha do 010, as consultas atendidas dende aquela ascenden a máis de 900.000, ben vía telefónica, ben a través de enderezo electrónico.
E cales foron os meses de maior volume de chamadas neste primeiro semestre do ano? Pois como aconteceu en anos anteriores, maio e xuño, unhas 5.820, con motivo da celebración da festa do Arde Lvcvs.
O servizo 010 conta cun horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09 a 14 horas, recibindo unha media de 5.200 chamadas mensuais, a maior parte para dar avisos das distintas incidencias no funcionamento de servizos públicos, como atoamentos nas redes de sumidoiros ou avarías no subministro da auga, así como para demandar información municipal ou información de actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello. Alén disto, tamén se realizan chamadas relacionadas coa xestión e trámites como as inscricións para actividades, por exemplo.
Emporiso, o 010 tamén achega información por outros medios, como as redes sociais ou a mensaxería. O número de persoas inscritas no servizo de mensaxería de balde a través do correo electrónico é de 3.250, e no de mensaxes de texto ao móbil, 1.950. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e YouTube. Ditas canles contan con preto de 2.300 seguidores, un milleiro máis que o primeiro semestre do 2015.
O Servizo 010 do Concello de Lugo xestionou este ano máis de 2.300 correos electrónicos
Compartir Este Artigo

