Hoxe tiña lugar ás 12 horas, no Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz da Guarda, a presentación da nova web de turismo do dito concello do Baixo Miño. A páxina en cuestión, turismoaguarda.es, xorde coa finalidade de achegar unha mellor experiencia a visitantes e turistas, que agora contarán cunha páxina específica de turismo na que consultar as súas dúbidas. O portal contará con información sobre os recursos turísticos da Guarda, sobre como se pode chegar, onde se pode durmir ou comer, o que hai que visitar ou as diferentes e variadas festas que se celebran na Guarda ao longo do ano, entre outras cousas. Todo isto cun deseño moi visual e atractivo no que as imaxes que amosan a beleza natural e paisaxística, así como o patrimonio da vila.
Alén de amosar a nova web, hoxe tamén se aproveitaba para estrear ante os asistentes en exclusiva un vídeo de promoción turística da Guarda. Engadir que a páxina irase actualizando e ampliando o seu contido paseniño incluíndo todas as novidades que vaian xurdindo. Subliñar que entre os apartados con actualizacións periódicas atópase un adicado a novas sobre a Rede de Museos da Guarda.
En resumo, con esta nova páxina web complétase o labor que xa viñan facendo a web do concello e a aplicación para móbil, constituíndo as tres ferramentas dixitais nas que se poderán consultar toda aquela información sobre turismo que precisen os interesados que visiten o lugar.
A Guarda presenta a súa nova web de turismo
Compartir Este Artigo

