A cadea de tendas de electrónica de consumo conta dende hai tempo coa posibilidade de que os seus clientes, para evitar facer unha viaxe infrutuosa aos seus establecementos, poida facer pedidos vía web que, de ter stock, poden recollerse na tenda nun par de horas, pero en Madrid e Barcelona contaban cunha opción bastante interesante que consistía en permitir a recepción no domicilio deses mesmos produtos (agás que sexan de grande tamaño ou precisen de personalización) tamén en 2 horas, unha solución de entrega inmediata que está a espallarse xeograficamente e este mesmo mes chegará a Galicia.
Media Markt está a ampliar a entrega inmediata en 2 horas a 17 cidades máis, das que 7 inician hoxe o servizo, mentres que os establecementos da cadea en Vigo e A Coruña o estrearán o vindeiro día 16. Deste xeito, cando un cliente queira realizar unha compra en liña vía web ou presencialmente en calquera das 19 cidades nas que o servizo está dispoñible, poderá solicitar a entrega no seu fogar en 2 horas ou dentro dunha franxa horaria posterior determinada, custando o envío a partires de 7,90 euros.
Exemplos de produtos que non poden optar á entrega inmediata serían os televisores de máis de 60 polgadas, os grandes electrodomésticos (lavadoras, frigoríficos, conxeladores…), os ordenadores configurados a medida ou o servizo de revelado en liña.
Media Markt estreará a semana que vén servizo de entrega en 2 horas en Vigo e A Coruña
Compartir Este Artigo
